Amosando publicacións coa etiqueta ACTIVIDADES. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ACTIVIDADES. Amosar todas as publicacións

sábado, 18 de novembro de 2017

Revista escolar 2016-17

No último número da revista escolar do noso instituto, correspondente ao curso 2016-17, podedes atopar todas as actividades do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

domingo, 4 de xuño de 2017

Comentarios Encontro María López Sández

ENCONTRO LITERARIO CON MARÍA LÓPEZ SÁNDEZ

O luns 22 de maio, a creadora e entusiasta autora do libro O faro escuro, María López Sández, alumeounos a tarde coa súa visita.
Foi presentada por dous compañeiros que nomearon os diferentes premios que gañou,e comentaron a súa vida profesional. Logo, contounos todo o proceso da creación do libro, a visita a un faro como inspiración para a novela e demais curiosidades.
Sabiades que unha parte do libro foi escrita nun avión? De aí o accidente aéreo de Catalina na historia.
Finalmente, procedeu a asinarnos a novela con fermosas dedicatorias.
Espero poder vela outra vez. Para min é unha muller inspiradora para futuros escritores e moi agradable.
Ariadna Fieira Boquete, 2º ESO A

Tamén nos contou como se inspira para escribir os seus libros. Sempre leva un caderno pequeno onde fai anotacións e redacta algúns capítulos. Isto tamén o fai a ordenador. Un dos lugares onde a súa imaxinación flúe é o coche. Segundo ella, ás veces, cando estaba conducindo, tivera que aparcar o coche para poder anotar as súas ideas.
Ademais, tivemos ocasión de ver o caderno e, efectivamente, moreas de datos e capítulos do libro.
Unha das características como escritora é o seu gusto por detallar o espazo da historia, para que os lectores se embarquen nela.
Lucía Santiso Cardama, 2º ESO A

A charla que nos deu María López Sández, autora do libro O faro escuro, pareceume moi interesante porque nos deu a coñecer de onde sacou a inspiración para escribir este libro. Explicounos que se inspirou nunha acuarela dunha fareira, que escribira a primeira parte da novela cando viña de volta de Alemaña, que anotara unha gran parte do argumento nun caderniño que leva sempre consigo...
Normalmente, os lectores e lectoras non sabemos esta parte: de onde sacan a inspiración para escribiren; por iso me pareceu moi pouco corrente e á vez interesante que nolo contase.
Samuel Villaverde Rey, 2º ESO B


Premio Concurso Portada da Revista

Este venres fíxose entrega do premio de deseño da revista ParaIsoParaNós.

Presentáronse máis de 30 portadas e a gañadora foi Alba Vilariño Nogareda, de 1º de Bacharelato B, con este deseño.


Fíxoselle entrega dun vale-agasallo por valor de 60€ para gastar en libros, material escolar, audiovisual en galego ou material deportivo. Moitos parabéns!!!

 

Entrega premios Desafíos Matemáticos

Como sabedes, no mes de maio o Departamento de Matemáticas levou a cabo un concurso de Desafíos Matemáticos en dúas categorías.  Con esta iniciativa colaborou o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, de xeito que o noso idioma estivese presente nunha actividade relacionada coa área científica, a cal, como sabedes, non se pode impartir en galego na aula.
Cada martes propoñíase un desafío matemático por categoría, o cal debía de ser resolto antes do xoves á hora do recreo. Durante catro semanas foron moitos os participantes e o pasado xoves tivo lugar a gran final entre tod@s @s finalistas para determinar a persoa que gañaría en cada categoría.

A gañadora na categoría B foi Andrea Ferreiro García e na categoría A Adrián Ovidiu Cocean.



Cómpre felicitar tamén a todas e todos os finalistas!!!


 

xoves, 18 de maio de 2017

Exposición Cinema Galego

Desde esta semana podedes visitar na biblioteca do edificio número 1 do noso instituto esta interesante exposición sobre a historia do cinema galego. Consta de 24 paneis elaborados polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos IES Nº1 de Ordes, Espiñeira de Boiro e San Clemente de Santiago de Compostela. Para aquelas de vós que non poidades visitala, tedes a posibilidade de botarlle un ollo aquí mesmiño. Agardamos que vos guste!!

domingo, 23 de abril de 2017

Bases Concurso Portada da Revista Escolar

Concurso de deseño da portada do próximo número da revista ParaIsoParaNos.
Será xa a número 10 e editarase a principios do próximo curso escolar 2017-2018.
O deseño é libre (acuarela, fotografía, collage...) e tedes de prazo até o martes 30 de maio.
Animádevos a participar!!!

xoves, 2 de marzo de 2017

Gañadoras Concurso Cartas de Amor

Estas foron as autoras gañadoras do concurso de cartas de amor 2017. Proximamente publicaremos as cartas neste blog para que todos vós as poidades ler.

venres, 30 de decembro de 2016

Gañadoras concurso postais de nadal 2016

As postais gañadoras do IX Concurso de Postais de Nadal foron:


Premio Bacharelato: Valeria Pazos Liñares

 
 


























Primeiro Premio ESO: Mónica García Hernández 1º ESO A

















 2º Premio ESO: Carlos Grela García 1ºESO B


 
 

domingo, 4 de decembro de 2016

Retrincos de Castelao

O pasado luns 21 de novembro, o alumnado de 2º de Bacharelato e a ESA do noso instituto acudiu á Casa da Cultura de Ordes para asistir á representación teatral da obra Retrincos de Castelao, representada polos cómicos Isabel Risco e Fran Rei.
A partir da mirada de dous mortos, Pedro e Zeltia, de épocas, inquedanzas e idades moi diferentes, a obra propón un achegamento ao particular humor de Castelao, figura fundamental da nosa cultura e da nosa historia. No texto, de Diego Rey, teñen cabida cinco historias e unha ducia de debuxos dramatizados de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a través dos cales se nos achega a súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galiza do seu tempo, ofrecéndonos un mosaico composto de retrincos dunha realidade galega atemporal que nos antecede e nos outorga raíces.



venres, 17 de xuño de 2016

Homenaxe a Manuel María

O alumnado de 1º, 2º e 3º ESO homenaxeou a Manuel María a través da realización de comentarios, reinterpretacións e creacións artísticas inspiradas nos seus poemas. Con todos eles realizouse unha exposición de máis de 20 paneis que actualmente é visitable no edificio principal do instituto. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega tamén elaborou un libro de máis de 150 páxinas que recolle todas as achegas do alumnado e que podedes consultar na biblioteca A continuación tedes unha mostra dos debuxos inspirados en diversos poemas do poeta a quen se lle dedican as Letras Galegas neste ano.