Amosando publicacións coa etiqueta HISTORIA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta HISTORIA. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de maio de 2017

Exposición Cinema Galego

Desde esta semana podedes visitar na biblioteca do edificio número 1 do noso instituto esta interesante exposición sobre a historia do cinema galego. Consta de 24 paneis elaborados polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos IES Nº1 de Ordes, Espiñeira de Boiro e San Clemente de Santiago de Compostela. Para aquelas de vós que non poidades visitala, tedes a posibilidade de botarlle un ollo aquí mesmiño. Agardamos que vos guste!!

venres, 17 de xuño de 2016

Mulleres galegas no rueiro de Ordes

As alumnas de "Valores Éticos" de 3º da ESO fixeron, en colaboración co EDLG unha pequena investigación sobre a presenza de mulleres galegas no rueiro de Ordes. Na seguinte presentación tedes os resultados do seu traballo.

sábado, 21 de maio de 2016

Exposición co gallo do Centenario das Irmandades da Fala

Co gallo do centenario das Irmandades da Fala, fundadas o 18 de maio de 1916, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega elaborou unha pequena exposicións sobre a orixe, ideario e principais protagonistas desta institución, cuxo traballo resulta indispensable na galeguización plena da sociedade de principios do s.XX. Asemade, a súa reunión en Lugo en 1918 marca o fito fundacional do nacionalismo galego.
Os paneis poden visitarse no segundo andar do edificio principal do instituto até final de curso. Aquí tedes algúns deles...


domingo, 10 de maio de 2015

VISITA AO CASTRO DO CASAL

O pasado xoves 23 de abril o alumnado de 4º da ESO do IES Nº1 e do IES Maruxa Mallo de Ordes fixemos unha andaina conxunta para visitarmos o castro do Casal, nas proximidades do río Cabrón, e para case todos nós descoñecido.
Trátase dun castro non excavado situado nunha chaira e cuxas defensas consisten en murallas de terra, polo que resulta bastante diferente á visión tradicional que deste tipo de hábitar temos todos nós.
Serviunos de guía o profesor de Ciencias Sociais, Alfredo Iglesias, do Maruxa Mallo, gran coñecedor da prehistoria galega.
Completamos o coñecemento do noso patrimonio cunha parada nos muíños de batán localizados na beira do río.
Á hora do recreo xa estabamos de volta no centro logo dunha interesante excursión na que non só compartimos unhas horas co alumnado do outro instituto, moitos dos cales o ano que vén serán compañeiros nosos, senón que tamén coñecemos o noso patrimonio histórico-cultural máis próximo.

sábado, 24 de maio de 2014

Exposición sobre a Arquitectura Galega

Continuando cos actos culturais relacionados coas letras galegas que estamos a celebrar neste mes de maio, esta semana inaugurouse no centro unha pequena e sinxela exposición sobre arquitectura galega elaborada pola profesora de Ciencias Sociais Loli del Río en colaboración coa coordinadora do EDLG.
A exposición atópase no primeiro andar do edificio 1 e pretende facer un repaso sobre algunhas das construcións máis sobranceiras da nosa cultura. Os paneis clasifícanse en seis seccións: As Catedrais, Os Mosteiros, A Arquitectura da Morte, Edificios Senlleiros, Arquitectura Popular e "Feísmo". Constan de varias fotografías e pequenos textos informativos ao respecto.



Ademais da exposición física, fíxose unha versión dixital para que todo o mundo a poida visitar virtualmente a través deste blog. Aquí a tedes!


luns, 21 de abril de 2014

Coñecemos o Castro do Paraíso



O pasado xoves 10 de abril fixemos unha saída na contorna do noso instituto para coñecermos o chamado castro do Paraíso.
Tratábase de coñecer o noso patrimonio histórico máis inmediato, mais tamén de convivir durante unhas horas coas rapazas e rapaces do instituto Maruxa Mallo, o outro centro de educación secundaria do noso concello. De feito, a actividade estivo organizada conxuntamente por Alfredo Iglesias, profesor de Histoira no Maruxa Mallo, e Raquel Iglesias, profesora de Historia no IES Nº1. Ademais dáse a casualidade de que os dous son os coordinadores do Equipo de Dinamización da Lingua Galega nos seus respectivos centros.
Á actividade asistiron un total de 60 alumnos de 3º da ESO (alumnado do Maruxa Mallo) e de 4º da ESO (rapaces do noso instituto).
A pesar da constante choiva, pasámolo en grande e mesmo "asaltamos" o castro, como podedes comprobar no seguinte vídeo.



Aquí tedes máis fotos da actividade...