Amosando publicacións coa etiqueta AUDIOVISUAIS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AUDIOVISUAIS. Amosar todas as publicacións

martes, 18 de novembro de 2014

Estrea do filme A Esmorga



"A esmorga" filme do director galego Ignacio Vilar, e interpretado por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio "Durán" Morris poderá verse nos cines de todas as cidades e vilas de Galicia a partir do 21 de novembro. 
Neste filme, baseado na novela homónima de Eduardo Blanco Amor asistimos a crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras de si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal como se adrede camiñaran á súa perdición. 
Esta é a quinta longametraxe de Ignacio Vilar, presentada por Vía Láctea Filmes e a Editorial Galaxia. Faise realidade con esta longametraxe rodada en Ourense, o desexo que o propio Blanco Amor manifestara despois de ter visto a adaptación da súa obra por Gonzalo Suárez “La Parranda”de poder ver na pantalla grande personaxes galegas, falando a nosa lingua, sentindo a terra e ver a nosa paisaxe tal e como el o escribira. 
Poderá verse nos cines de todas as cidades e vilas de Galicia a partir do 21 de novembro.

martes, 13 de maio de 2014

Dicionario audiovisual básico do galego na automoción

Estamos na semana das letras galegas e para celebralo, o profesorado e alumnado de Automoción do noso centro, a proposta do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, elaboraron un dicionario audiovisual no que amosan as principais ferramentas empregadas no mundo da automoción e a súa denominación en galego. 
Estamos acostumados a utilizar os termos casteláns para nomear as partes do coche e as ferramentas básicas usadas polos mecánicos nos talleres de reparación. Porén, tamén o galego ten as súas propias "letras" para referirse a elas, e os futuros profesionais da automoción formados no noso IES están dispostos a empregalas como podedes ver no seguinte vídeo. Agardamos que vos guste, e, sobre todo, que  vos sexa de utilidade.



venres, 9 de maio de 2014

Documental e charla sobre a figura de Díaz Castro

O pasado 5 de maio, todo o alumnado da ESO do noso centro puido ver en primicia o documental O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo, gran coñecedor da obra de Xosé María Díaz Castro e, coma el, veciño de Guitiriz.




O filme indaga nalgunha das constantes poéticas de Díaz Castro a través de entrevistas con persoas vinculadas a esta figura, tanto amigos como especialistas na súa obra. Ademais, afonda na xenealoxía emocional de Nimbos a través de dous elementos fundamentais: a lingua e a paisaxe da infancia. 

Logo da proxección do documental, duns 35 minutos de duración, nunha sesión máis íntima os rapaces e rapazas de 4º da ESO puideron reflexionar co seu autor sobre a vida e a obra de Díaz Castro así como facerlle un lote de preguntas acerca do proceso de creación do documental.


domingo, 23 de febreiro de 2014

Celebramos o aniversario de Rosalía de Castro

Como sabedes, este luns 24 de febreiro a nosa máis insigne poeta, Rosalía de Castro, está de aniversario. Para celebralo, nas cortizas da Lingua do noso instituto "penduramos" carteis informativos sobre a vida e obra da autora e ademais, atoparedes versos da poeta en lugares insospeitados: os baños, os corredores, a conserxería, a cafetaría.... Porque a poesía está por todas as partes e porque non hai mellor maneira de festexar o día de Rosalía que recordando a súa obra!!!

Os poemas de Rosalía son inspiración para moita xente... Déixovos aquí vídeos musicais de dous poemas de Rosalía para que vos sirvan de inspiración tamén a vós!

A xa coñecida versión da Negra Sombra de Luz Casal (con imaxes da Costa da Morte)


E unha menos coñecida versión de Camiño Branco de Najla Shami ambientada nas rúas de Compostela


xoves, 12 de decembro de 2013

O Apalpador

Para ir animando o nadal aquí tedes un simpático vídeo sobre unha figura mítica que cómpre rescatar.
O apalpador vén do Courel apapalparnos as barriguiñas e deixar algún agasallo.Daquela, quen precisa de Papá Noel tendo este personaxe tan divertido?

xoves, 10 de outubro de 2013

En galego...de cine!

O xoves 17 de outubro proxectarase no centro o filme documental Shoots from Abyssinia, do realizador Ovidio Fernández. Ao longo de 101 minutos o director mostra ao mundo a historia, a paisaxe e a cultura da lendaria Abisinia a través dos ollos dun adolescente, Abdul, un dos seus dous fillos adoptados, quen leva tres anos vivindo en Compostela.
 No reencontro de Abdul coa terra que o víu nacer, o rapaz usa como guía o libro Historia de Etiopía, escrito en portugués polo xesuíta español Pedro Paez hai catrocentos anos. Nun perfecto galego con sotaque africano, Abdul cóntanos como, seguindo os seus pasos, remontou o Nilo Azul ate as súas fontes e descubriu un país afastado da esteoreotipada imaxe de seca e fame. 
Abdul atopa moitas semellanzas entre a súa terra de nacemento e a de adopción. Por exemplo, hai unha zona alta de montaña preto de Lalibela onde parece que estás vendo castros, e a hospitalidade da xente do campo é igual que a hospitalidade galega.


Esta actividade do EDLG vai dirixida ao alumnado de 4º da ESO, mais para todos aqueles que queirades saber algo máis do filme e dos seus protagonistas, aquí vos deixamos o traile.



Trailer "Shoots from Abyssinia" from Ovidio Fernández on Vimeo.