Amosando publicacións coa etiqueta EXPOSICIÓNS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EXPOSICIÓNS. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de maio de 2017

Exposición Cinema Galego

Desde esta semana podedes visitar na biblioteca do edificio número 1 do noso instituto esta interesante exposición sobre a historia do cinema galego. Consta de 24 paneis elaborados polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos IES Nº1 de Ordes, Espiñeira de Boiro e San Clemente de Santiago de Compostela. Para aquelas de vós que non poidades visitala, tedes a posibilidade de botarlle un ollo aquí mesmiño. Agardamos que vos guste!!

venres, 30 de decembro de 2016

Gañadoras concurso postais de nadal 2016

As postais gañadoras do IX Concurso de Postais de Nadal foron:


Premio Bacharelato: Valeria Pazos Liñares

 
 


























Primeiro Premio ESO: Mónica García Hernández 1º ESO A

















 2º Premio ESO: Carlos Grela García 1ºESO B


 
 

venres, 17 de xuño de 2016

Homenaxe a Manuel María

O alumnado de 1º, 2º e 3º ESO homenaxeou a Manuel María a través da realización de comentarios, reinterpretacións e creacións artísticas inspiradas nos seus poemas. Con todos eles realizouse unha exposición de máis de 20 paneis que actualmente é visitable no edificio principal do instituto. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega tamén elaborou un libro de máis de 150 páxinas que recolle todas as achegas do alumnado e que podedes consultar na biblioteca A continuación tedes unha mostra dos debuxos inspirados en diversos poemas do poeta a quen se lle dedican as Letras Galegas neste ano. 

sábado, 21 de maio de 2016

Exposición co gallo do Centenario das Irmandades da Fala

Co gallo do centenario das Irmandades da Fala, fundadas o 18 de maio de 1916, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega elaborou unha pequena exposicións sobre a orixe, ideario e principais protagonistas desta institución, cuxo traballo resulta indispensable na galeguización plena da sociedade de principios do s.XX. Asemade, a súa reunión en Lugo en 1918 marca o fito fundacional do nacionalismo galego.
Os paneis poden visitarse no segundo andar do edificio principal do instituto até final de curso. Aquí tedes algúns deles...


venres, 22 de abril de 2016

Charla-coloquio Os pioneiros da fotografía galega

O luns 18 de abril pola tarde, Rubén Martínez Alonso, licenciado en Historia da Arte pola U.S.C e profesor no IES Ramón Caamaño de Muxía, deu unha charla sobre os pioneiros da fotografía galega dirixida ao alumnado de letras de 2º de Bacharelato. 

A través numerosas imaxes presentou a vida e obra de catro fotógrafos referentes no eido da fotografía galega: PACHECO, KSADO, JOSÉ SUÁREZ e VIRXILIO VIÉITEZ.


Todos eles comezaron a traballar nos anos anteriores á Guerra Civil, véndose a súa obra afectada por tal conflito. 
Rubén incidiu no feito de que as fotografías destes autores, ademais de ter unha irrefutable calidade artística, son documentos históricos de primeira magnitude ao deixar pegada das xentes e as circunstancias politicas, sociais e culturais do momento que lles tocou vivir.

Esta actividade complementa a exposición que sobre os pioneiros da fotografía galega realizou  o EDLG do noso instituto en colaboración co IES San Clemente de Santiago de Compostela e que actualmente se atopa no limiar do primeiro andar do edificio principal do centro.

sábado, 12 de marzo de 2016

Exposición Pioneiros da fotografía galega

Xa se pode visitar no noso centro a exposición sobre os pioneiros galegos da fotografía. Dita exposición foi elaborada conxuntamente polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos IES Nº1 de Ordes e do IES San Clemente de Santiago de Compostela. Nela faise un breve repaso pola vida e obra dos primeiros fotógrafos galegos, pioneiros dunha arte que nos últimos tempos estase volvendo pór en valor.

Aquí tedes unha selección dos paneis da exposición.

xoves, 11 de xuño de 2015

Exposición Caricaturistas Galegos

A finais do pasado mes de maio inaugurouse no noso instituto unha exposición sobre o mundo da caricatura en Galicia, elaborada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Xeografía e Historia.



 Organizada en sete paneis de gran formato, a exposición recolle unha breve biografía e  exemplos da obra gráfica realizada polos caricaturistas máis salientables do noso país:

                               CASTELAO                                 
DÍAZ PARDO
CARLOS MASIDE
LUIS SEOANE
SIRO LOPEZ
XAQUÍN MARÍN
CARICATURISTAS ACTUAIS:
GOGUE, DÁVILA, O CARRABUXO,
PINTO CHINTO











A través dela preténdese dar a coñecer unha faceta da normalización lingüística bastante descoñecida para a gran maioría do público como é o uso da nosa lingua no ámbito da crítica humorística da realidade política, social e cultural.
A exposición sitúase no relanzo do primeiro andar do edificio principal e será visitable até finais do presente curso escolar 2014-2015.

sábado, 17 de xaneiro de 2015

Opinións do alumnado sobre a saída a Santiago (teatro e fondos da fundación Abanca)



O xoves 16 de outubro fomos a Santiago ver unha exposición e a obra de teatro A tempestade. Paseino mellor do que pensaba na excursión, xa que ao chover todo o día pensei que me ía aburrir, pero non foi así. No autobús divertinme tanto á ida como á volta: todos escoitando música ríndonos, etc.


 PROMO CUADRADA tempestade
Ao chegarmos a Santiago dirixímonos á exposición de Abanca. Gustáronme moito as obras que alí se expoñían. Era unha sorte que tivesen cadros de Picasso, Miró... e moitos outros xuntos nunha exposición. O artista que máis me gustou foi Lugrís, as súas obras xiraban entorno ao mar e asinaba cunha áncora.
Ao remate da exposición fomos cara ó teatro pero polo camiño... perdémonos. Iamos detrás de alumnos que se separaran do seu grupo, andamos sen rumbo preguntándolle á xente onde había un teatro e chamando aos compañeiros que xa se atopaban no Salón Teatro. Andamos perdidos menos de dez minutos, pero fixéronse moito máis longos. Cando por fin chegamos ao teatro estabamos empapados e cansos de correr. Os compañeiros empezáronnos a aplaudir e así todo o público. Ao final todo quedou nunha anécdota divertida. 
No momento en que estabamos todos sentados comezou a obra de Voadora, “A tempestade”, unha obra de Shakespeare adaptada pola compañía teatral. 
A obra por un lado trataba da historia shakesperiana e por outro mostraba como os actores ensaiaban, as probas (“os cástings”)...En resumo, a vida dun actor cando non se representa unha obra. Había partes que non era doado de entender debido aos dous niveis de percepción. Se a volvésemos ver outra vez entenderiámola mellor. Aínda así estivo moi ben: algunhas partes eran divertidas; outras musicais, desconcertantes e algunha producía tensión pola música. Persoalmente gústame o teatro e esta obra creo que estaba ben adaptada e ben representada. 
Marina Álvarez Gil, 3º ESO A 

O teatro gustoume moito porque, ademais de falar, cantaban e bailaban, e facíano moi ben. O que menos me gustou da obra foi que duraba moito, e hai tantas escenas diferentes que ao final non me acordaba de todo! A representación era unha adaptación de “A Tempestade” de Shakespeare, pero nela tamén se vía como se prepara unha obra de teatro, os problemas que xorden, etc. Foi moi bonita. 
Cando rematou deixáronnos tempo libre e estivemos paseando por Santiago. Finalmente volvemos ao instituto e, como aínda quedaban dez minutos para que tocase o timbre, estivemos na cafetería. Paseino moi ben. 
Vanina Álvarez Prado, 3º ESO B 




 Álvaro Ballesteros


A mostra de Abanca na praza de Cervantes estaba composta por 111 obras. Esta mostraba principalmente pintura dende finais do século XIX ata comezos do XX, con artistas internacionais como Picasso, ou galegos como Castelao, e moitos outros máis. As obras, de estilos como o cubismo, postcubismo, surrealismo… estaban repartidas en dous andares. Moitas das obras representaban o que os autores sentían por mor da Guerra Civil. 

…N´A tempestade, dirixida por Marta Pazos, os nove actores (oito deles homes e a que queda, muller) representan a historia dun naufraxio, dunha illa e dun desterro. En definitiva, o relato dunha tempestade: “a que soñou con grandes doses de maxia William Shakespeare”. 
Juan Luis Boado Fernández, 3º ESO B 

A tempestade, de Shakespeare, unha das mellores obras de teatro que vin ata agora. Eu asistín a moitas obras e musicais, pero esta gustoume moitísimo máis. 
Próspero, protagonista e director era o que desataba tormentas e facía maxia coas súas mans. O que máis me gustou foi o actor que fixo de Fernando e Sebastián. Encantoume cando bailou… Precisamente, as partes da obra que máis aplaudín foron as de comedia e nas que bailaban e cantaban. 
Outros personaxes que me fixeron moita graza eran Ariel, Calibán e os dous bébedos que aparecían coas cervexas. 
 Andrea Castro Landeira, 3º ESO A 

A obra gustoume moito, aínda que se fixo algo longa, dúas horas. O que máis me gustou dela foi cando os homes cantaban e un bailaba. O final tamén estivo ben, cando os actores se puxeron a bailar, foi divertida. Non entendín moi ben algúns episodios ou momentos da representación, xa que tiña dúas partes, unha obra dentro doutra,teatro dentro do teatro, todo mesturado, e era algo difícil de comprender.  
Marisa Sofía Pires Martínez, 3º ESO A

xoves, 25 de setembro de 2014

O panorama musical galego na Galiza

Para comezar ben o curso propoñémosvos un pouco de música...
Acabamos de inaugurar a exposición "O panorama musical galego na Galiza", que podedes visitar no relanzo do primeiro andar do edificio 1.
En nove carteis seleccionamos algúns dos grupos actuais galegos, clasificados por estilos musicais. rock, funk, pop, ska... De seguro que hai algún axeitado aos vosos gustos persoais.



mércores, 4 de xuño de 2014

Libro Colaborativo

Por fin podedes consultar na biblioteca o libro colaborativo elaborado polo alumnado da ESO do noso instituto! Moitas grazas a todas e todos os participantes.
Como sabedes, o libro iniciou a súa andaina no mes de febreiro co gallo da celebración do día de Rosalía e rematouna o 16 de maio, véspera da festa das nosas letras. Durante eses meses, os rapaces e rapazas da ESO seleccionaron poemas de autores e autoras galegos que lles gustaban para logo facer un comentario dos mesmos ou ben unha recreación plástica ou literaria. A algúns, a poesía escollida inspiroulles un debuxo ou caligrama; para outros, a creación dun relato propio. As diferentes achegas do alumnado participante recóllense no libro que podedes consultar ao final desta entrada. Tamén existe unha versión impresa na Biblioteca 1 do IES e nesta semana realizaremos unha exposición no corredor principal do edificio 1 para que toda a comunidade educativa poida acceder aos vosos traballos.

Libro Colaborativo by normalizacioniesn1or

sábado, 24 de maio de 2014

Exposición sobre a Arquitectura Galega

Continuando cos actos culturais relacionados coas letras galegas que estamos a celebrar neste mes de maio, esta semana inaugurouse no centro unha pequena e sinxela exposición sobre arquitectura galega elaborada pola profesora de Ciencias Sociais Loli del Río en colaboración coa coordinadora do EDLG.
A exposición atópase no primeiro andar do edificio 1 e pretende facer un repaso sobre algunhas das construcións máis sobranceiras da nosa cultura. Os paneis clasifícanse en seis seccións: As Catedrais, Os Mosteiros, A Arquitectura da Morte, Edificios Senlleiros, Arquitectura Popular e "Feísmo". Constan de varias fotografías e pequenos textos informativos ao respecto.



Ademais da exposición física, fíxose unha versión dixital para que todo o mundo a poida visitar virtualmente a través deste blog. Aquí a tedes!


venres, 22 de novembro de 2013

Preparando a visita de Pepe Carreiro...

http://www.culturagalega.org/bd/autores_detalle.php?Cod_prsa=12&busca=Pepe%20Carreiro
Dentro de xusto unha semana o debuxante Pepe Carreiro visitará o noso centro para compartir co alumnado un anaco do seu tempo. Falará do seu libro Historia da Lingua Galega. Nel fai un percorrido sobre o uso do galego en Galiza dende a prehistoria até a actualidade. Coma sempre, cheo de humor.
Os rapaces e rapazas de 3º da ESO e 2º de PCPI aproveitarán a ocasión para facerlle unha chea de preguntas sobre o proceso creativo non só desta obra, senón de todos os proxectos que está a desenvolver na actualidade o autor dos Barbanzóns, os Bolechas...

Se queredes saber máis sobre a vida e produción deste magnífico debuxante galego, premede co rato sobre a súa fotografía.
Durante a próxima semana, nos corredores do centro exporanse varias das páxinas da súa Historia da Lingua Galega. Se queredes, tamén podedes botarlle un ollo ao libro aquí mesmo.