mércores, 5 de marzo de 2014

Concurso sobremesas de Antroido

O pasado venres 28 de febreiro tivo lugar o tradicional concurso de sobremesas de antroido. Este ano tivemos 12 participantes e o xurado tardou máis dunha hora en catar e puntuar todas as propostas. Valorouse a redacción da receita que debía acompañar a cada sobremesa, o sabor, a dificultade de elaboración e a presentación.



As sobremesas gañadoras foron as seguintes: 

1ºPremio: Selva Negra. Elaborada por Laura Rodríguez Muíño e Lucía Romero Grela (3º ESO)





2ºPremio: Torta de Pionono e Doce de Leite, elaborada por Maite Polanco Ybarra (1ºESO A)

3ºPremio: Torta de Piña e Crema de Queixo, elaborada por Rogelio Prado Becerra (3ºESO)


Aquí tedes as fotos de todas as sobremesas presentadas ao concurso:
E aquí as imaxes da degustación do xurado e do alumnado durante o recreo:

martes, 25 de febreiro de 2014

Premios concurso Namora en galego...



1º Premio: Marina Álvarez Gil (2ºESO A)
Coñecémonos na primavera. O noso amor comezou a florecer ao mesmo tempo que os campos se tornaban verdes salpicados doutras alegres cores. Verdes eran tamén os teus ollos, grandes e alegres, cheos de esperanza. E ti para min tamén fuches coma a primavera, coma un raio de sol que se asoma tras un frío inverno.
Pouco a pouco fómonos facendo amigos, mentres o tempo seguía a pasar. Vimos crecer os primeiros froitos de verán, ao igual que crecía o noso amor. Pasabamos as tardes deitados ao sol escoitando o canto dos paxariños que se pousaban nas árbores. Gustábanos ir á praia, sentarnos nas rochas e ver pasar os barquiños de vela. Sempre diciamos que cando foramos maiores comprariamos un e viaxariamos polo mundo enteiro.
As primeiras follas das árbores comezaron a caer no outono. As árbores quedaron espidas e todo se volveu máis triste. Xa non podiamos vernos tan a miúdo, pero seguiamos a escribirnos longas cartas cheas de anécdotas e recordos.
Pasamos o frío inverno separados por centos de kilómetros. Eu contemplaba o ceo gris e desexaba volver outra vez á casa dos avós para te poder ver e dar longos paseos pola praia mentres o sol desaparecía pola liña do horizonte.
As estacións continuaron a pasar, a paisaxe seguiu a cambiar, pero nós non cambiamos e os nosos sentimentos seguen aínda hoxe igual de intensos.


2º Premio: Alicia Fieira Grela (2º Bacharelato B) 
Hai unha hora crin que te quería máis do que ningunha muller quixo nunca a un home. Media hora máis tarde souben que o que sentira entón non era nada comparado co que sentín despois. Mais, ao cabo de dez minutos comprendín que o meu amor anterior era un charco comparado co mar embravecido antes da tempestade. Canto hai diso? Vinte minutos? Agora quérote máis que hai vinte minutos, tanto que non existe comparación posible...                                                                                  
Hai un tempo comprendín que a xente ten a necesidade de poñerlle nomes ás cousas, de simplificalas con palabras, pensando así, equivocadamente, que as entende. Non penses que porque che digo que te quero entendo o que sinto por ti... Todo o contrario... É coma se fósemos maxia, cando nos tocamos todo é máxico... Non hai un só momento contigo que para min non sexa especial. Non sei, non prescindiría de nada na nosa historia. Este vertixe que sinto agora non me asusta. Podería tirarme ao baleiro colléndote da man...







domingo, 23 de febreiro de 2014

Celebramos o aniversario de Rosalía de Castro

Como sabedes, este luns 24 de febreiro a nosa máis insigne poeta, Rosalía de Castro, está de aniversario. Para celebralo, nas cortizas da Lingua do noso instituto "penduramos" carteis informativos sobre a vida e obra da autora e ademais, atoparedes versos da poeta en lugares insospeitados: os baños, os corredores, a conserxería, a cafetaría.... Porque a poesía está por todas as partes e porque non hai mellor maneira de festexar o día de Rosalía que recordando a súa obra!!!

Os poemas de Rosalía son inspiración para moita xente... Déixovos aquí vídeos musicais de dous poemas de Rosalía para que vos sirvan de inspiración tamén a vós!

A xa coñecida versión da Negra Sombra de Luz Casal (con imaxes da Costa da Morte)


E unha menos coñecida versión de Camiño Branco de Najla Shami ambientada nas rúas de Compostela


mércores, 29 de xaneiro de 2014

Encontro con Andrea Maceiras

O luns 13 de xaneiro, visitounos a autora do libro O segredo do lagarto arnal, Andrea Maceiras.
Cando chegou fomos á biblioteca e uns compañeiros nosos presentárona mentres nós estabamos sentados e atendendo á presentación.


Despois, Andrea Maceiras e nós estivemos observando algunhas imaxes que ela tiña preparadas, falamos un pouco sobre o seu libro e sobre os lagartos arnais, tamén sobre personaxes da súa obra e sobre o acoso escolar. Andrea Maceiras díxonos de que trataba o libro, aínda que nós xa o sabiamos porque a profesora de Lingua Galega do instituto nos mandara ler o libro como lectura obrigatoria en 1º de ESO.




Estivemos falando e comentando aspectos do libro con Andra. Cando rematamos de falar e ver as imaxes nas que aparecían algunhas das otras obras que ela escribira, díxonos se queriamos facerlle algunha pregunta. Ao principio non lle preguntamos nada, pero despois algúns nenos fixéronlle unhas poucas. Cando ela rematou de respondelas, sentou na mesa do profesor da biblioteca e todos ou case todos nós puxémonos en fila para que Andrea nos asinase os nosos libros que case todos levamos alí con esa  finalidade.

Alejandro Martínez Barbeito
1ºESO B 


martes, 14 de xaneiro de 2014