luns, 21 de abril de 2014

Coñecemos o Castro do Paraíso



O pasado xoves 10 de abril fixemos unha saída na contorna do noso instituto para coñecermos o chamado castro do Paraíso.
Tratábase de coñecer o noso patrimonio histórico máis inmediato, mais tamén de convivir durante unhas horas coas rapazas e rapaces do instituto Maruxa Mallo, o outro centro de educación secundaria do noso concello. De feito, a actividade estivo organizada conxuntamente por Alfredo Iglesias, profesor de Histoira no Maruxa Mallo, e Raquel Iglesias, profesora de Historia no IES Nº1. Ademais dáse a casualidade de que os dous son os coordinadores do Equipo de Dinamización da Lingua Galega nos seus respectivos centros.
Á actividade asistiron un total de 60 alumnos de 3º da ESO (alumnado do Maruxa Mallo) e de 4º da ESO (rapaces do noso instituto).
A pesar da constante choiva, pasámolo en grande e mesmo "asaltamos" o castro, como podedes comprobar no seguinte vídeo.



Aquí tedes máis fotos da actividade...

martes, 8 de abril de 2014

Saída ao teatro do alumnado de 1º de Bacharelato

longa_viaxe_cara_a_noite_580x250




O pasado xoves 3 de abril dous autobuses ateigados de rapaces e rapazas de 1º de bacharelato do noso instituto foron a Santiago para levalos ao teatro. A obra á que asistiron como público xunto con outro centro educativo foi Longa viaxe cara á noite, de Eugene O´Neill, interpretada polos actores do Centro Dramático Galego.
Esta actividade foi proposta e organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, que subvencionou o 25% do custo da entrada para facela máis económica ao alumnado. 
Ademais do profesor de Lingua Galega Vítor Suárez, acompañaron aos rapaces a profesora Cruz Bande  (Bioloxía), Antón Bravo (Educación Fisica), Virginia Domínguez (Matemáticas) e Loli del Río (Ciencias Sociais).
Sabemos, polos comentarios que nos fixeron chegar, que a pesar da súa duración (105 minutos), o tempo pasoulles rápido e a experiencia gustoulles. Agardamos ter pronto algunha crítica por escrito para pode publicar neste blog e na revista Asubios.










martes, 25 de marzo de 2014

Charla do proxecto ANoCa

O pasado mércores 12 de marzo recibimos a visita de dous reclusos do cárcere de Teixeiro para falarnos da súa vida no cárcere. Forman parte do proxecto ANoCa (Aprender No Cárcere), un programa moi interesante xa que permite aos encarcerados ir á escola ao tempo que dan charlas en institutos a adolescentes para que escollamos o bo camiño).
Os profesores puxéronnos un video sobre a escola no cárcere. Falaban varios reclusos e todos coincidían en que acabaron presos polas malas compañías e as drogas.
Logo falaron os dous presos. Un era galego e fora transladado ao cárcere de A Coruña porque estaba en terceiro grao (durmía no cárcere pero o resto do día estaba fóra). Foi o que máis falou. Contounos que tiña que cumprir condea por un homicidio. Foi bastante impactante. O outro era canario e falou menos. Tamén estaba no cárecer por drogas e roubo nunha casa habitada.
Contáronnos con todo detalle como era a vida na cela (5 metros cadrados sen intimidade), as pelexas entre convictos (sobre todo os xoves, o día no que cobran os cartos que as familias lle dan), o día a día na escola... No cárcere o tempo pasa moi lento... 
Sorprendeunos o acceso que os presos teñen no cárcere á droga. De feito, un deles fíxose adicto á heroína na prisón!!!
Pero sobre todo transmitíronnos a mensaxe de que a vida trúncase rapidamente por erros que cometemos e logo é moi difícil endereitala.
A todos nos gustou moito e fíxosenos curta, a pesar de que durou case dúas horas. Era tan interesante que os profesores que nos acompañaron nin sequera tiveron que mandarnos calar!

(síntese dos resumos persoais que fixeron os alumnos e alumnas de 4º da ESO que asistiron á charla).



Comentarios do alumnado de 4º da ESO logo da charla

"A min persoalmente gustoume moito, sobre todo porque coñecín experiencias de persoas que non escolleron ben o seu camiño e que influirán á hora de escoller o meu". Paula Ríos Couto.

"Para min esta charla foi unha maneira de ver a vida doutra forma, xa que non é todo como o pintan. Non todo é vivir como un quere. A primeira saída non son as drogas. Quizais o que máis me quedou na mente foi cando no vídeo, un rapaz dixo: "cando dis que controlas, en realidade non controlas"". Yasmin Rodríguez Fraga.

 "A min gustoume moito a charla xa que me parece unha gran oportunidade para os que están nas drogas de que recapaciten sobre o que fan, e os que non consomen, pensen antes de adentrarse nese mundo onde poden  acabar". Hamman Boutafant.

 "Gustoume moito a charla. De feito foi a mellor á que fun até agora. Penso que é importante que nos falen destas cousas xa que a min polo menos fíxome pensar e ver que todo o mundo se merece unha segunda oportunidade na vida". Laura Suárez Bello.

"Gustoume moito. Se tivera que escoller a mellor charla que me deron na miña vida sería esta, xa que o que nos contou o preso, penso que quedou grabado na mente de todos nós". Anxo García Gómez.

"Creo que foi a mellor charla que houbo no instituto até o momento sen dúbida. Só con dicir que os profesrores non tiveron que pedir silencio en ningún momento da actividade, resume bastante o interese que abía no salón de actos. Aínda agora, unha semana despois, seguimos falando sobre a charla e arrepentíndonos de non preguntar máis cousas". Manuel Vidal Amor.

"Lembro sobre todo unha frase que dixo un dos presos e que encerra moita verdade: "cominme o mundo 400.000 veces pero na 400.000 o mund comeume a min". Aira Viqueira Pose.

   

mércores, 5 de marzo de 2014

Concurso sobremesas de Antroido

O pasado venres 28 de febreiro tivo lugar o tradicional concurso de sobremesas de antroido. Este ano tivemos 12 participantes e o xurado tardou máis dunha hora en catar e puntuar todas as propostas. Valorouse a redacción da receita que debía acompañar a cada sobremesa, o sabor, a dificultade de elaboración e a presentación.



As sobremesas gañadoras foron as seguintes: 

1ºPremio: Selva Negra. Elaborada por Laura Rodríguez Muíño e Lucía Romero Grela (3º ESO)





2ºPremio: Torta de Pionono e Doce de Leite, elaborada por Maite Polanco Ybarra (1ºESO A)

3ºPremio: Torta de Piña e Crema de Queixo, elaborada por Rogelio Prado Becerra (3ºESO)


Aquí tedes as fotos de todas as sobremesas presentadas ao concurso:
E aquí as imaxes da degustación do xurado e do alumnado durante o recreo:

martes, 25 de febreiro de 2014

Premios concurso Namora en galego...



1º Premio: Marina Álvarez Gil (2ºESO A)
Coñecémonos na primavera. O noso amor comezou a florecer ao mesmo tempo que os campos se tornaban verdes salpicados doutras alegres cores. Verdes eran tamén os teus ollos, grandes e alegres, cheos de esperanza. E ti para min tamén fuches coma a primavera, coma un raio de sol que se asoma tras un frío inverno.
Pouco a pouco fómonos facendo amigos, mentres o tempo seguía a pasar. Vimos crecer os primeiros froitos de verán, ao igual que crecía o noso amor. Pasabamos as tardes deitados ao sol escoitando o canto dos paxariños que se pousaban nas árbores. Gustábanos ir á praia, sentarnos nas rochas e ver pasar os barquiños de vela. Sempre diciamos que cando foramos maiores comprariamos un e viaxariamos polo mundo enteiro.
As primeiras follas das árbores comezaron a caer no outono. As árbores quedaron espidas e todo se volveu máis triste. Xa non podiamos vernos tan a miúdo, pero seguiamos a escribirnos longas cartas cheas de anécdotas e recordos.
Pasamos o frío inverno separados por centos de kilómetros. Eu contemplaba o ceo gris e desexaba volver outra vez á casa dos avós para te poder ver e dar longos paseos pola praia mentres o sol desaparecía pola liña do horizonte.
As estacións continuaron a pasar, a paisaxe seguiu a cambiar, pero nós non cambiamos e os nosos sentimentos seguen aínda hoxe igual de intensos.


2º Premio: Alicia Fieira Grela (2º Bacharelato B) 
Hai unha hora crin que te quería máis do que ningunha muller quixo nunca a un home. Media hora máis tarde souben que o que sentira entón non era nada comparado co que sentín despois. Mais, ao cabo de dez minutos comprendín que o meu amor anterior era un charco comparado co mar embravecido antes da tempestade. Canto hai diso? Vinte minutos? Agora quérote máis que hai vinte minutos, tanto que non existe comparación posible...                                                                                  
Hai un tempo comprendín que a xente ten a necesidade de poñerlle nomes ás cousas, de simplificalas con palabras, pensando así, equivocadamente, que as entende. Non penses que porque che digo que te quero entendo o que sinto por ti... Todo o contrario... É coma se fósemos maxia, cando nos tocamos todo é máxico... Non hai un só momento contigo que para min non sexa especial. Non sei, non prescindiría de nada na nosa historia. Este vertixe que sinto agora non me asusta. Podería tirarme ao baleiro colléndote da man...







domingo, 23 de febreiro de 2014

Celebramos o aniversario de Rosalía de Castro

Como sabedes, este luns 24 de febreiro a nosa máis insigne poeta, Rosalía de Castro, está de aniversario. Para celebralo, nas cortizas da Lingua do noso instituto "penduramos" carteis informativos sobre a vida e obra da autora e ademais, atoparedes versos da poeta en lugares insospeitados: os baños, os corredores, a conserxería, a cafetaría.... Porque a poesía está por todas as partes e porque non hai mellor maneira de festexar o día de Rosalía que recordando a súa obra!!!

Os poemas de Rosalía son inspiración para moita xente... Déixovos aquí vídeos musicais de dous poemas de Rosalía para que vos sirvan de inspiración tamén a vós!

A xa coñecida versión da Negra Sombra de Luz Casal (con imaxes da Costa da Morte)


E unha menos coñecida versión de Camiño Branco de Najla Shami ambientada nas rúas de Compostela