venres, 9 de maio de 2014

Documental e charla sobre a figura de Díaz Castro

O pasado 5 de maio, todo o alumnado da ESO do noso centro puido ver en primicia o documental O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo, gran coñecedor da obra de Xosé María Díaz Castro e, coma el, veciño de Guitiriz.




O filme indaga nalgunha das constantes poéticas de Díaz Castro a través de entrevistas con persoas vinculadas a esta figura, tanto amigos como especialistas na súa obra. Ademais, afonda na xenealoxía emocional de Nimbos a través de dous elementos fundamentais: a lingua e a paisaxe da infancia. 

Logo da proxección do documental, duns 35 minutos de duración, nunha sesión máis íntima os rapaces e rapazas de 4º da ESO puideron reflexionar co seu autor sobre a vida e a obra de Díaz Castro así como facerlle un lote de preguntas acerca do proceso de creación do documental.


Teatro para reflexionar sobre o "problema do idioma"

Nesta semana que vén de rematar tivemos unha nova saída ao teatro. Nesta ocasión o alumnado de 2º e 3º da ESO xunto co de PCPI asistiron á representación da obra Bicos con Lingua, da compañía Talía Teatro. 

 O seu director, Avelino González, explica que a intención de Talía Teatro é provocar unha reflexión no espectador sobre as actitudes que mantén coa lingua e por iso as situacións que aborda a montaxe van desde pedir traballo a ligar, circunstancias tomadas da vida e que «pretenden darlle unha volta ás situacións para espertar a reflexión na conciencia dos espectadores, sen que por iso teñan que deixar de divertirse coa obra».



sábado, 26 de abril de 2014

INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO FASE I

Finalmente, logo de intercambiarmos cartas co alumnado de 3º da ESO o IES Miguel Ángel González Estévez de Carril, e crear un grupo de whatsapp... o próximo luns 28 de abril as rapazas e rapaces de 3º da ESO do noso instituto faremos de cicerones na visita que os nosos convidados van facer ao noso concello.
Aquí tedes toda a información sobre esta actividade.

Intercambio lingüístico from normalizacioniesn1orde

Agardemos que non chova porque imos compartir  varias horas percorrendo a ruta do río Mercurín.