sábado, 21 de maio de 2016

Exposición co gallo do Centenario das Irmandades da Fala

Co gallo do centenario das Irmandades da Fala, fundadas o 18 de maio de 1916, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega elaborou unha pequena exposicións sobre a orixe, ideario e principais protagonistas desta institución, cuxo traballo resulta indispensable na galeguización plena da sociedade de principios do s.XX. Asemade, a súa reunión en Lugo en 1918 marca o fito fundacional do nacionalismo galego.
Os paneis poden visitarse no segundo andar do edificio principal do instituto até final de curso. Aquí tedes algúns deles...


venres, 22 de abril de 2016

Asistencia ao teatro: Pelos na lingua

O luns 18 de abril, o alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO do noso centro asistíu á representación teatral da obra Pelos na Lingua no teatro Colón de A Coruña.
A obra, representada pola compañía Talía Teatro, é un divertido espectáculo-collage que fala en clave positiva da situación crítica que está vivir a lingua galega.  
 

 
Pelos na lingua vai destinado a todo o mundo, independentemente da súa posición respecto á lingua: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que debería ser o inglés a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas. Ao mundo enteiro, independentemente da súa lingua. Unha comedia, que dalgún xeito, podería considerarse a segunda parte de Bicos con lingua. Pero non se trata dunha segunda parte como unha continuación da liña argumental, senón que se está a traballar o mesmo tema coa mesma estrutura, aínda que desta vez tratando de darlle un enfoque distinto.

Logo do teatro, aproveitando o solleiro día, fomos comer ao mirador de San Pedro, onde poidemos gozar dunhas vistas espectaculares da cidade de A Coruña. Pola tarde fixemos unha pequena parada na Domus antes de emprendermos camiño de regreso a Ordes.