venres, 22 de abril de 2016
Charla-coloquio Os pioneiros da fotografía galega
A través numerosas imaxes presentou a vida e obra de catro fotógrafos referentes no eido da fotografía galega: PACHECO, KSADO, JOSÉ SUÁREZ e VIRXILIO VIÉITEZ.
Todos eles comezaron a traballar nos anos anteriores á Guerra Civil, véndose a súa obra afectada por tal conflito.
Rubén incidiu no feito de que as fotografías destes autores, ademais de ter unha irrefutable calidade artística, son documentos históricos de primeira magnitude ao deixar pegada das xentes e as circunstancias politicas, sociais e culturais do momento que lles tocou vivir.
Esta actividade complementa a exposición que sobre os pioneiros da fotografía galega realizou o EDLG do noso instituto en colaboración co IES San Clemente de Santiago de Compostela e que actualmente se atopa no limiar do primeiro andar do edificio principal do centro.
sábado, 9 de abril de 2016
Charla O galego é uma oportunidade
A charla estivo organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega en colaboración co departamento de galego, responsable da docencia da materia de portugués no bacharelato.
Os conferenciantes falaron da vantaxe que posuimos as galegas e galegos, aínda sen sermos totalmente conscientes, por sabermos dúas linguas de proxección muldial: o galego, coñecido internacionalmente como portugués, e o castelán, coñecido internacionalmente como español. Este tesouro permítenos comunicar con máis de 250 e 400 millóns de persoas respectivamente.
Desde esa premisa, salientaron o noso papel de ponte, ao ser Galiza o lugar onde o mundo lusófono e hispanófono se unen, onde naceu a lingua coñecida internacionalmente como portugués e onde, por causa da nosa emigración, existe unha profunda relación co mundo hispano-americano que se expressa em español.
Finalmente, trataron de facer reflexionar ao auditorio sobre o feito de que, nos próximos anos, por mor do carácter emerxente da economía brasileira, ser galeg@ e saber a nosa lingua, pode tornarse unha vantaxe competitiva e o noso territorio pode pasar a ser un lugar privilexiado do mundo.
José Ramón Pichel Campos é enxeñeiro informático. Creou, xestiona e desenvolve a plataforma de tradución automática de código aberto Opentrad
www.opentrad.com.
Realiza artigos sobre as relacións entre a sociedade e as tecnoloxías da información desde o ano 2000 para Bravu.net, Novas da Galiza e a revista
electrónica Omnibus, entre outras.
mércores, 30 de marzo de 2016
xoves, 24 de marzo de 2016
Proxección do documental Fíos Fóra
O pasado xoves 17 de marzo Adriana e Sabela, realizadoras do documental "Fíos Fóra, historias de obreiras, entre costuras e patróns" viñeron presentar a súa obra ao alumnado de 1º de bacharelato do noso centro.
Illa Bufarda foi a produtora creativa encargada de levar a cabo esta
longametraxe documental diversa en voces e protagonistas, onde
participaron extraballadoras do téxtil en Galicia, personaxes
vencellados ao sector empresarial e aos talleres e traballadoras do
téxtil en Marrocos, entre outras moitas. A realización deste traballo foi unha encarga da ONG AMARANTE Setem e a Campaña Roupa Limpa. Dende as conversas de moitas persoas protagonistas narra o que foi o sector do téxtil galego dende o seu nacemento ata a súa deslocalización e o impacto deste modelo industrial. O documental incide na idea de que as mulleres galegas que traballaron no sector téxtil dende os 60 foron a man de obra perfecta e cautiva para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada, repetíndose a súa historia nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema capitalista.
Logo da proxección, Sabela e Adriana contaron ao alumnado asistente o proceso de realización do documental e os problemas con que se atoparon tanto para contar con testemuñas que falasen da súa experiencia no sector como na actual fase de proxección, xa que algúns concellos están a boicotear a súa difusión. Tamén presentaron a plataforma que a ONG AMARANTE está a crear para dar a coñecer as iniciativas do téxtil galego responsables coas condicións laborais das traballadoras.
Logo da proxección, Sabela e Adriana contaron ao alumnado asistente o proceso de realización do documental e os problemas con que se atoparon tanto para contar con testemuñas que falasen da súa experiencia no sector como na actual fase de proxección, xa que algúns concellos están a boicotear a súa difusión. Tamén presentaron a plataforma que a ONG AMARANTE está a crear para dar a coñecer as iniciativas do téxtil galego responsables coas condicións laborais das traballadoras.
sábado, 12 de marzo de 2016
Exposición Pioneiros da fotografía galega
Xa se pode visitar no noso centro a exposición sobre os pioneiros galegos da fotografía. Dita exposición foi elaborada conxuntamente polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos IES Nº1 de Ordes e do IES San Clemente de Santiago de Compostela.
Nela faise un breve repaso pola vida e obra dos primeiros fotógrafos galegos, pioneiros dunha arte que nos últimos tempos estase volvendo pór en valor.
Aquí tedes unha selección dos paneis da exposición.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)