venres, 22 de novembro de 2013

Preparando a visita de Pepe Carreiro...

http://www.culturagalega.org/bd/autores_detalle.php?Cod_prsa=12&busca=Pepe%20Carreiro
Dentro de xusto unha semana o debuxante Pepe Carreiro visitará o noso centro para compartir co alumnado un anaco do seu tempo. Falará do seu libro Historia da Lingua Galega. Nel fai un percorrido sobre o uso do galego en Galiza dende a prehistoria até a actualidade. Coma sempre, cheo de humor.
Os rapaces e rapazas de 3º da ESO e 2º de PCPI aproveitarán a ocasión para facerlle unha chea de preguntas sobre o proceso creativo non só desta obra, senón de todos os proxectos que está a desenvolver na actualidade o autor dos Barbanzóns, os Bolechas...

Se queredes saber máis sobre a vida e produción deste magnífico debuxante galego, premede co rato sobre a súa fotografía.
Durante a próxima semana, nos corredores do centro exporanse varias das páxinas da súa Historia da Lingua Galega. Se queredes, tamén podedes botarlle un ollo ao libro aquí mesmo.



luns, 4 de novembro de 2013

Novo número da revista OIlos de Aula

Novembro vai dando os primeiros pasos cun novo número da revista "Ollos de aula" baixo o brazo, o Nº 10, que aborda a temática do acoso escolar, a necesaria coeducación no seo das familias e unha palabra máis nesta sopa terminolóxica que é o sistema educativo: o Proxecto Interdisciplinar. Por suposto, non esquece as atractivas recomendacións de ocio cultural da sección "Cadencias", os anuncios móbiles e unha reflexión sobre o sentido normalizador das actividades culturais nos centros escolares.