sábado, 17 de xaneiro de 2015

Opinións do alumnado sobre a saída a Santiago (teatro e fondos da fundación Abanca)



O xoves 16 de outubro fomos a Santiago ver unha exposición e a obra de teatro A tempestade. Paseino mellor do que pensaba na excursión, xa que ao chover todo o día pensei que me ía aburrir, pero non foi así. No autobús divertinme tanto á ida como á volta: todos escoitando música ríndonos, etc.


 PROMO CUADRADA tempestade
Ao chegarmos a Santiago dirixímonos á exposición de Abanca. Gustáronme moito as obras que alí se expoñían. Era unha sorte que tivesen cadros de Picasso, Miró... e moitos outros xuntos nunha exposición. O artista que máis me gustou foi Lugrís, as súas obras xiraban entorno ao mar e asinaba cunha áncora.
Ao remate da exposición fomos cara ó teatro pero polo camiño... perdémonos. Iamos detrás de alumnos que se separaran do seu grupo, andamos sen rumbo preguntándolle á xente onde había un teatro e chamando aos compañeiros que xa se atopaban no Salón Teatro. Andamos perdidos menos de dez minutos, pero fixéronse moito máis longos. Cando por fin chegamos ao teatro estabamos empapados e cansos de correr. Os compañeiros empezáronnos a aplaudir e así todo o público. Ao final todo quedou nunha anécdota divertida. 
No momento en que estabamos todos sentados comezou a obra de Voadora, “A tempestade”, unha obra de Shakespeare adaptada pola compañía teatral. 
A obra por un lado trataba da historia shakesperiana e por outro mostraba como os actores ensaiaban, as probas (“os cástings”)...En resumo, a vida dun actor cando non se representa unha obra. Había partes que non era doado de entender debido aos dous niveis de percepción. Se a volvésemos ver outra vez entenderiámola mellor. Aínda así estivo moi ben: algunhas partes eran divertidas; outras musicais, desconcertantes e algunha producía tensión pola música. Persoalmente gústame o teatro e esta obra creo que estaba ben adaptada e ben representada. 
Marina Álvarez Gil, 3º ESO A 

O teatro gustoume moito porque, ademais de falar, cantaban e bailaban, e facíano moi ben. O que menos me gustou da obra foi que duraba moito, e hai tantas escenas diferentes que ao final non me acordaba de todo! A representación era unha adaptación de “A Tempestade” de Shakespeare, pero nela tamén se vía como se prepara unha obra de teatro, os problemas que xorden, etc. Foi moi bonita. 
Cando rematou deixáronnos tempo libre e estivemos paseando por Santiago. Finalmente volvemos ao instituto e, como aínda quedaban dez minutos para que tocase o timbre, estivemos na cafetería. Paseino moi ben. 
Vanina Álvarez Prado, 3º ESO B 




 Álvaro Ballesteros


A mostra de Abanca na praza de Cervantes estaba composta por 111 obras. Esta mostraba principalmente pintura dende finais do século XIX ata comezos do XX, con artistas internacionais como Picasso, ou galegos como Castelao, e moitos outros máis. As obras, de estilos como o cubismo, postcubismo, surrealismo… estaban repartidas en dous andares. Moitas das obras representaban o que os autores sentían por mor da Guerra Civil. 

…N´A tempestade, dirixida por Marta Pazos, os nove actores (oito deles homes e a que queda, muller) representan a historia dun naufraxio, dunha illa e dun desterro. En definitiva, o relato dunha tempestade: “a que soñou con grandes doses de maxia William Shakespeare”. 
Juan Luis Boado Fernández, 3º ESO B 

A tempestade, de Shakespeare, unha das mellores obras de teatro que vin ata agora. Eu asistín a moitas obras e musicais, pero esta gustoume moitísimo máis. 
Próspero, protagonista e director era o que desataba tormentas e facía maxia coas súas mans. O que máis me gustou foi o actor que fixo de Fernando e Sebastián. Encantoume cando bailou… Precisamente, as partes da obra que máis aplaudín foron as de comedia e nas que bailaban e cantaban. 
Outros personaxes que me fixeron moita graza eran Ariel, Calibán e os dous bébedos que aparecían coas cervexas. 
 Andrea Castro Landeira, 3º ESO A 

A obra gustoume moito, aínda que se fixo algo longa, dúas horas. O que máis me gustou dela foi cando os homes cantaban e un bailaba. O final tamén estivo ben, cando os actores se puxeron a bailar, foi divertida. Non entendín moi ben algúns episodios ou momentos da representación, xa que tiña dúas partes, unha obra dentro doutra,teatro dentro do teatro, todo mesturado, e era algo difícil de comprender.  
Marisa Sofía Pires Martínez, 3º ESO A

Bases Concurso Sobremesas de Entroido

Campaña Amo a túa lingua

Bases do II Concurso Namora en Galego