xoves, 11 de xuño de 2015

Exposición Caricaturistas Galegos

A finais do pasado mes de maio inaugurouse no noso instituto unha exposición sobre o mundo da caricatura en Galicia, elaborada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Xeografía e Historia.



 Organizada en sete paneis de gran formato, a exposición recolle unha breve biografía e  exemplos da obra gráfica realizada polos caricaturistas máis salientables do noso país:

                               CASTELAO                                 
DÍAZ PARDO
CARLOS MASIDE
LUIS SEOANE
SIRO LOPEZ
XAQUÍN MARÍN
CARICATURISTAS ACTUAIS:
GOGUE, DÁVILA, O CARRABUXO,
PINTO CHINTO











A través dela preténdese dar a coñecer unha faceta da normalización lingüística bastante descoñecida para a gran maioría do público como é o uso da nosa lingua no ámbito da crítica humorística da realidade política, social e cultural.
A exposición sitúase no relanzo do primeiro andar do edificio principal e será visitable até finais do presente curso escolar 2014-2015.

mércores, 3 de xuño de 2015

Portada gañadora do concurso de portadas para a revista escolar

Aquí tedes a que será a portada do próximo número da nosa revista escolar ParaÍsoParaNós.
A súa autora foi Tania Mosquera Castro, alumna de 2º de Bacharelato D.



venres, 29 de maio de 2015

Entrega do premio de poesía Carme Villaverde

Onte 28 de maio tivo lugar no salón de actos da casa da cultura de Ordes a entrega do premio de poesía Carme Villaverde.
A premiada foi Paula Rodríguez García, alumna do noso centro do grupo de 1º de bacharelato C.
O xurado salientou a madureza, estilo e orixinalidade dos tres poemas presentados pola autora para o concurso.

Aqui volos deixamos...


luns, 18 de maio de 2015

Comentarios do alumnado co gallo da visita do escritor Francisco Castro



ENCONTRO CON FRANCISCO CASTRO

O día 16 de abril veu ao noso centro Francisco Castro, o autor da novela que tivemos que ler no 2º trimestre. Veu explicarnos aspectos sobre o seu libro e sobre a súa carreira en xeral. Contounos que el soñaba as historias que escribía e que podía pasar moitos meses escribindo un libro porque a inspiración lle viña en calquera momento. Díxonos que o libro veu da historia orixinal de Marco Polo, un comerciante que percorreu mundo e gañou moitas riquezas no camino. Pero ao chegar a Venecia ninguén o cría. AFrancisco isto resultoulle desagradable e decide escribir un libro no que Marco Pololle conta as súas aventuras a un rapaz novo que é capaz de vivilas só con escoitalo falar.
Francisco Castro era moi simpático, rímonos un cacho con el, sempre dicía que os escritores constantemente teñen unha parte do cerebro “conectada” á obra que están escribindo. A charla gustoume moito.
Daniel Villasenín Martínez, 3º ESOB

Encantoume esta visita, xa que falou de cousas serias, pero sempre cun toque de humor e chistes moi ben feitos.
Falounos das súas ideas, os proxectos que está levando a cabo e os que están por vir, como que cada cincuenta anos vai facer un libro de poemas.
Raúl Iglesias García, 3º ESO A
Gustoume moito a forma de ver o seu oficio, xa que o definía como unha arte, opinión que eu tamén comparto.
Falounos de que está a punto de saír unha nova obra súa, pero non nos dixo nada dela, para non desvelar o seu contido e así animarnos a lela.
Comentounos, por último, a súa opinión contra o pirateo no mundo da literatura e pensaba que se non se poñía solución podería influír tanto como no cine.
En conclusión, Francisco Castro pareceume un gran amante do que fai, e pensó que iso se reflicte nas súa obras.
Lucía Souto Vieites, 3º ESO B

Esta charla gustoume moito, porque nunca tivera unha coma esta. Francisco Castro pareceume un home moi agradable, divertido…
A min encántame escoitar a xente falar das súas anécdotas e el facíao ben. Contounos de onde lle xurdiu a idea do libro, de todo o que tivo que investigar para poder escribilo, a rabia que lle deu ao saber que a Marco Polo non lle cresen as súas aventuras...
É un escritor moi bo, só lin un libro del, pero non creo que sexa o último. Non me gusta moito ler, pero O segredo de Marco Polo encantoume.
Valeria Moreno Gallego, 3º ESO A


Outra obra da que nos falou foi Chamádeme Simbad, unha historia que se baseou nunha experiencia real e persoal del mesmo, pois a súa nai padeceu alzhéimer, ao igual que o avó de Paulo, o protagonista desta novela. Falounos sobre a súa obra favorita (das que el escribiu): A xeración perdida, que ten a súa orixe en feitos reais (tema da droga) que sucederon no mesmo barrio onde el vivía. Dounos, ademais, a súa opinión sobre a piratería e tivemos a oportunidade de que nos asinase un dos libros que máis me gustou: O segredo de Marco Polo.
Deséxolle  moita sorte coa novela que rematou o domingo anterior á charla e que sairá este verán.
                                        Juan Luis Boado Fernández, 3º ESO B



O  día 16 de abril de 2015, o escritor do libro Chamádeme Simbad, Francisco Castro, acudiu ao salón de actos do noso instituto para falarnos da súa obra.
Contounos que este era un  dos libros que máis lle gustaran. Falounos de que esta novela a escribiu antes de que a súa nai morrese de alzhéimer, a enfermidade que padecía o avó de Paulo, o protagonista  que o avó alcumaba como Simbad.
Tamén nos dixo que el escribía contos e obras para comunicarse coas persoas para sempre, pois se morre Francisco Castro, a xente que lea os seus libros, estarase comunicando con el; así é como nolo explicou.
Ademais, comentou que a través da súa obra en xeral denunciaba inxustizas. Díxonos que as axudas para loitar contra o alzhéimer eran pequenas e escasas, que o diñeiro que falta se ten usado, por exemplo, “para fichar a Cristiano Ronaldo”.
Despois respondeunos as nosas preguntas e dedicounos o noso libro. Xa levo dous libros asinados polos seus autores este ano!
Miguel Ángel Boado Fernández, 1º ESO B

sábado, 16 de maio de 2015

Concerto de Superoito

Este venres 15 de maio, co gallo das Letras Galegas, veu actuar ao noso centro o grupo Superoito; grupo de rock bravú integrado por Iván Paderne (voz principal e guitarra), Xabi Sóñora (voz e baixo)e Glenn G. Carbajal (batería).Tanto Iván como Xabi son exalumnos do IES Nº1. 
O grupo fundouse hai dous anos en Ordes e dende entón no paran de levar a súa música a todas as partes. Charlaron co alumnado sobre iso de "facer música en galego" e, para sorpresa de todos, comentaron que non teñen ningunha pexa cando actúan fóra do país, aínda que si que atoparon certos atrancos á hora de tocar nalgunha cidade galega!



 
 E para lembrar unha das cancións que soaron no salón de actos, aquí tedes o video de youtube.


Presume de galego

O 17 de maio presume e comparte from ProductoraAudiovisual CanalArtes on Vimeo.

domingo, 10 de maio de 2015

VISITA AO CASTRO DO CASAL

O pasado xoves 23 de abril o alumnado de 4º da ESO do IES Nº1 e do IES Maruxa Mallo de Ordes fixemos unha andaina conxunta para visitarmos o castro do Casal, nas proximidades do río Cabrón, e para case todos nós descoñecido.
Trátase dun castro non excavado situado nunha chaira e cuxas defensas consisten en murallas de terra, polo que resulta bastante diferente á visión tradicional que deste tipo de hábitar temos todos nós.
Serviunos de guía o profesor de Ciencias Sociais, Alfredo Iglesias, do Maruxa Mallo, gran coñecedor da prehistoria galega.
Completamos o coñecemento do noso patrimonio cunha parada nos muíños de batán localizados na beira do río.
Á hora do recreo xa estabamos de volta no centro logo dunha interesante excursión na que non só compartimos unhas horas co alumnado do outro instituto, moitos dos cales o ano que vén serán compañeiros nosos, senón que tamén coñecemos o noso patrimonio histórico-cultural máis próximo.

martes, 28 de abril de 2015

Sara Míguez recoméndanos O contador de Estrelas, de Santiago Jaureguízar

VISITA DE FRANCISCO CASTRO

O pasado xoves 16 de abril, o afamado escritor galego Francisco Castro veu visitar o noso centro. 

 
Conversou co alumnado de 1º da ESO sobre o seu libro Chamádeme Simbad, no que se narra a relación entre Paulo e o seu avó, enfermo de alzéimer. Esta novela foi Premio Frei Martín Sarmiento 2011 na categoría de 1º e 2º da ESO e premio ao "mellor libro infantil 2009" concedido polos lectores da web Fervenzas Literarias.




Co alumnado de 3º da ESO falou da súa obra O segredo de Marco Polo, que nos traslada á Venecia do s.XIII para tratar o tema máis universal: o amor. Os personaxes principais son  un xove soldado, fillo do militar máis importante da cidade (un home dominante que ten anulada a capacidade de decisión do seu fillo), e unha principessa, Naia, fermosa e adorada por toda a cidade, sobriña do Dogo e obrigada por este a un matrimonio de estado cun home que non quere e nin sequera coñece. 

Ao final da actividade, Francisco Castro asinou exemplares dos seus libros.



xoves, 19 de marzo de 2015

Textos das Cartas de Amor Gañadoras

Por fin podedes ler os textos correspondentes ás cartas de amor premiadas no concurso celebrado co gallo de San Valentín.



E aquí tedes as fotos das rapazas gañadoras na entrega dos vales-agasallo para ir ao cine!




Charla sobre Linguas Minoritarias e Minorizadas

O pasado xoves 12 de marzo, o alumnado de 2º de Bacharelato asistíu a unha conferencia divulgativa sobre a situación das "Linguas Minoritarias e Minorizadas" no Estado español e en Europa. 
A charla foi impartida por Robert Neal Baxter, licenciado en Lingüística e Francés pola universidade de York (Reino Unido) e profesor de interpretación simultánea e consecutiva galego-inglés na facultade de Tradución e Interpretación da universidade de Vigo. 
Neal fala inglés, francés, galego, catalán, galés, bretón, grego, alemán, chinés e noruegués, así como tamén algo de finés, turco e árabe. É polo tanto un gran coñecedor das linguas.
 
No seu discurso interactuou coa audiencia para coñecer que se entende cando se está a falar de linguas minoritarias e minorizadas, partindo do caso máis próximo ao alumnado: a situación do galego.
Insistíu no importante que é que as linguas con teoricamente "poucos falantes" conten cun estatus xurídico que as defenda para que poidan ser empregadas en condicións de igualdade respecto da lingua dominante.
Ao rematar a charla houbo unha quenda de preguntas nas que varios alumnos lle preguntaron pola súa experiencia persoal na Galiza, a lingua que máis lle custara aprender ou a organización da carreira de tradución e interpretación.


xoves, 19 de febreiro de 2015

Fotos festival Antroido

Presentación das fotos do festival de Antroido

Reparto das cartas participantes na campaña AMO A TÚA LINGUA

As cupidos do EDLG encargáronse de repartir nos diferentes cursos e aulas as cartas de amor que participaron na campaña "Amo a Túa Lingua" co gallo da celebración do San Valentín...



 Grazas a tod@s pola masiva participación!!!

Gañadores Concurso Sobremesas Antroido 2015

O pasado venres 13 de febreiro tivo lugar o tradicional concurso de sobremesas de antroido convocado anualmente polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro.
Houbo oito participantes e o xurado estivo integrado polas profesoras Susana Barcia (Filosofía) e Noelia Martínez (Orientación), os alumnos do ciclo de Automoción César Calviño e Emilio López Souto e Consuelo, administrativa da secretaría do centro.



























As receitas gañadoras foron: 

1º Premio: SOBREMESA DE ENTROIDO
Cociñeiras: Andrea Castro Landeiro (3º ESO) 
e Marta Cancelada Cao (2º ESO)
Puntuación: 145 puntos
 






























2º Premio: TORTA PRESTIXIO
Cociñeiras: Kawany Alves e Melissa Sánchez (1º ESO)
Puntuación: 143 puntos






























3º Premio: TORTA DE CHOCOLATE E AMORODOS
Cociñeiras: Lucía Souto Vieites e Alba Iglesias Sánchez (3º ESO)
Puntuación:124 puntos



sábado, 17 de xaneiro de 2015

Opinións do alumnado sobre a saída a Santiago (teatro e fondos da fundación Abanca)



O xoves 16 de outubro fomos a Santiago ver unha exposición e a obra de teatro A tempestade. Paseino mellor do que pensaba na excursión, xa que ao chover todo o día pensei que me ía aburrir, pero non foi así. No autobús divertinme tanto á ida como á volta: todos escoitando música ríndonos, etc.


 PROMO CUADRADA tempestade
Ao chegarmos a Santiago dirixímonos á exposición de Abanca. Gustáronme moito as obras que alí se expoñían. Era unha sorte que tivesen cadros de Picasso, Miró... e moitos outros xuntos nunha exposición. O artista que máis me gustou foi Lugrís, as súas obras xiraban entorno ao mar e asinaba cunha áncora.
Ao remate da exposición fomos cara ó teatro pero polo camiño... perdémonos. Iamos detrás de alumnos que se separaran do seu grupo, andamos sen rumbo preguntándolle á xente onde había un teatro e chamando aos compañeiros que xa se atopaban no Salón Teatro. Andamos perdidos menos de dez minutos, pero fixéronse moito máis longos. Cando por fin chegamos ao teatro estabamos empapados e cansos de correr. Os compañeiros empezáronnos a aplaudir e así todo o público. Ao final todo quedou nunha anécdota divertida. 
No momento en que estabamos todos sentados comezou a obra de Voadora, “A tempestade”, unha obra de Shakespeare adaptada pola compañía teatral. 
A obra por un lado trataba da historia shakesperiana e por outro mostraba como os actores ensaiaban, as probas (“os cástings”)...En resumo, a vida dun actor cando non se representa unha obra. Había partes que non era doado de entender debido aos dous niveis de percepción. Se a volvésemos ver outra vez entenderiámola mellor. Aínda así estivo moi ben: algunhas partes eran divertidas; outras musicais, desconcertantes e algunha producía tensión pola música. Persoalmente gústame o teatro e esta obra creo que estaba ben adaptada e ben representada. 
Marina Álvarez Gil, 3º ESO A 

O teatro gustoume moito porque, ademais de falar, cantaban e bailaban, e facíano moi ben. O que menos me gustou da obra foi que duraba moito, e hai tantas escenas diferentes que ao final non me acordaba de todo! A representación era unha adaptación de “A Tempestade” de Shakespeare, pero nela tamén se vía como se prepara unha obra de teatro, os problemas que xorden, etc. Foi moi bonita. 
Cando rematou deixáronnos tempo libre e estivemos paseando por Santiago. Finalmente volvemos ao instituto e, como aínda quedaban dez minutos para que tocase o timbre, estivemos na cafetería. Paseino moi ben. 
Vanina Álvarez Prado, 3º ESO B 




 Álvaro Ballesteros


A mostra de Abanca na praza de Cervantes estaba composta por 111 obras. Esta mostraba principalmente pintura dende finais do século XIX ata comezos do XX, con artistas internacionais como Picasso, ou galegos como Castelao, e moitos outros máis. As obras, de estilos como o cubismo, postcubismo, surrealismo… estaban repartidas en dous andares. Moitas das obras representaban o que os autores sentían por mor da Guerra Civil. 

…N´A tempestade, dirixida por Marta Pazos, os nove actores (oito deles homes e a que queda, muller) representan a historia dun naufraxio, dunha illa e dun desterro. En definitiva, o relato dunha tempestade: “a que soñou con grandes doses de maxia William Shakespeare”. 
Juan Luis Boado Fernández, 3º ESO B 

A tempestade, de Shakespeare, unha das mellores obras de teatro que vin ata agora. Eu asistín a moitas obras e musicais, pero esta gustoume moitísimo máis. 
Próspero, protagonista e director era o que desataba tormentas e facía maxia coas súas mans. O que máis me gustou foi o actor que fixo de Fernando e Sebastián. Encantoume cando bailou… Precisamente, as partes da obra que máis aplaudín foron as de comedia e nas que bailaban e cantaban. 
Outros personaxes que me fixeron moita graza eran Ariel, Calibán e os dous bébedos que aparecían coas cervexas. 
 Andrea Castro Landeira, 3º ESO A 

A obra gustoume moito, aínda que se fixo algo longa, dúas horas. O que máis me gustou dela foi cando os homes cantaban e un bailaba. O final tamén estivo ben, cando os actores se puxeron a bailar, foi divertida. Non entendín moi ben algúns episodios ou momentos da representación, xa que tiña dúas partes, unha obra dentro doutra,teatro dentro do teatro, todo mesturado, e era algo difícil de comprender.  
Marisa Sofía Pires Martínez, 3º ESO A

Bases Concurso Sobremesas de Entroido

Campaña Amo a túa lingua

Bases do II Concurso Namora en Galego