venres, 29 de maio de 2015

Entrega do premio de poesía Carme Villaverde

Onte 28 de maio tivo lugar no salón de actos da casa da cultura de Ordes a entrega do premio de poesía Carme Villaverde.
A premiada foi Paula Rodríguez García, alumna do noso centro do grupo de 1º de bacharelato C.
O xurado salientou a madureza, estilo e orixinalidade dos tres poemas presentados pola autora para o concurso.

Aqui volos deixamos...


luns, 18 de maio de 2015

Comentarios do alumnado co gallo da visita do escritor Francisco Castro



ENCONTRO CON FRANCISCO CASTRO

O día 16 de abril veu ao noso centro Francisco Castro, o autor da novela que tivemos que ler no 2º trimestre. Veu explicarnos aspectos sobre o seu libro e sobre a súa carreira en xeral. Contounos que el soñaba as historias que escribía e que podía pasar moitos meses escribindo un libro porque a inspiración lle viña en calquera momento. Díxonos que o libro veu da historia orixinal de Marco Polo, un comerciante que percorreu mundo e gañou moitas riquezas no camino. Pero ao chegar a Venecia ninguén o cría. AFrancisco isto resultoulle desagradable e decide escribir un libro no que Marco Pololle conta as súas aventuras a un rapaz novo que é capaz de vivilas só con escoitalo falar.
Francisco Castro era moi simpático, rímonos un cacho con el, sempre dicía que os escritores constantemente teñen unha parte do cerebro “conectada” á obra que están escribindo. A charla gustoume moito.
Daniel Villasenín Martínez, 3º ESOB

Encantoume esta visita, xa que falou de cousas serias, pero sempre cun toque de humor e chistes moi ben feitos.
Falounos das súas ideas, os proxectos que está levando a cabo e os que están por vir, como que cada cincuenta anos vai facer un libro de poemas.
Raúl Iglesias García, 3º ESO A
Gustoume moito a forma de ver o seu oficio, xa que o definía como unha arte, opinión que eu tamén comparto.
Falounos de que está a punto de saír unha nova obra súa, pero non nos dixo nada dela, para non desvelar o seu contido e así animarnos a lela.
Comentounos, por último, a súa opinión contra o pirateo no mundo da literatura e pensaba que se non se poñía solución podería influír tanto como no cine.
En conclusión, Francisco Castro pareceume un gran amante do que fai, e pensó que iso se reflicte nas súa obras.
Lucía Souto Vieites, 3º ESO B

Esta charla gustoume moito, porque nunca tivera unha coma esta. Francisco Castro pareceume un home moi agradable, divertido…
A min encántame escoitar a xente falar das súas anécdotas e el facíao ben. Contounos de onde lle xurdiu a idea do libro, de todo o que tivo que investigar para poder escribilo, a rabia que lle deu ao saber que a Marco Polo non lle cresen as súas aventuras...
É un escritor moi bo, só lin un libro del, pero non creo que sexa o último. Non me gusta moito ler, pero O segredo de Marco Polo encantoume.
Valeria Moreno Gallego, 3º ESO A


Outra obra da que nos falou foi Chamádeme Simbad, unha historia que se baseou nunha experiencia real e persoal del mesmo, pois a súa nai padeceu alzhéimer, ao igual que o avó de Paulo, o protagonista desta novela. Falounos sobre a súa obra favorita (das que el escribiu): A xeración perdida, que ten a súa orixe en feitos reais (tema da droga) que sucederon no mesmo barrio onde el vivía. Dounos, ademais, a súa opinión sobre a piratería e tivemos a oportunidade de que nos asinase un dos libros que máis me gustou: O segredo de Marco Polo.
Deséxolle  moita sorte coa novela que rematou o domingo anterior á charla e que sairá este verán.
                                        Juan Luis Boado Fernández, 3º ESO B



O  día 16 de abril de 2015, o escritor do libro Chamádeme Simbad, Francisco Castro, acudiu ao salón de actos do noso instituto para falarnos da súa obra.
Contounos que este era un  dos libros que máis lle gustaran. Falounos de que esta novela a escribiu antes de que a súa nai morrese de alzhéimer, a enfermidade que padecía o avó de Paulo, o protagonista  que o avó alcumaba como Simbad.
Tamén nos dixo que el escribía contos e obras para comunicarse coas persoas para sempre, pois se morre Francisco Castro, a xente que lea os seus libros, estarase comunicando con el; así é como nolo explicou.
Ademais, comentou que a través da súa obra en xeral denunciaba inxustizas. Díxonos que as axudas para loitar contra o alzhéimer eran pequenas e escasas, que o diñeiro que falta se ten usado, por exemplo, “para fichar a Cristiano Ronaldo”.
Despois respondeunos as nosas preguntas e dedicounos o noso libro. Xa levo dous libros asinados polos seus autores este ano!
Miguel Ángel Boado Fernández, 1º ESO B

sábado, 16 de maio de 2015

Concerto de Superoito

Este venres 15 de maio, co gallo das Letras Galegas, veu actuar ao noso centro o grupo Superoito; grupo de rock bravú integrado por Iván Paderne (voz principal e guitarra), Xabi Sóñora (voz e baixo)e Glenn G. Carbajal (batería).Tanto Iván como Xabi son exalumnos do IES Nº1. 
O grupo fundouse hai dous anos en Ordes e dende entón no paran de levar a súa música a todas as partes. Charlaron co alumnado sobre iso de "facer música en galego" e, para sorpresa de todos, comentaron que non teñen ningunha pexa cando actúan fóra do país, aínda que si que atoparon certos atrancos á hora de tocar nalgunha cidade galega!



 
 E para lembrar unha das cancións que soaron no salón de actos, aquí tedes o video de youtube.


Presume de galego

O 17 de maio presume e comparte from ProductoraAudiovisual CanalArtes on Vimeo.

domingo, 10 de maio de 2015

VISITA AO CASTRO DO CASAL

O pasado xoves 23 de abril o alumnado de 4º da ESO do IES Nº1 e do IES Maruxa Mallo de Ordes fixemos unha andaina conxunta para visitarmos o castro do Casal, nas proximidades do río Cabrón, e para case todos nós descoñecido.
Trátase dun castro non excavado situado nunha chaira e cuxas defensas consisten en murallas de terra, polo que resulta bastante diferente á visión tradicional que deste tipo de hábitar temos todos nós.
Serviunos de guía o profesor de Ciencias Sociais, Alfredo Iglesias, do Maruxa Mallo, gran coñecedor da prehistoria galega.
Completamos o coñecemento do noso patrimonio cunha parada nos muíños de batán localizados na beira do río.
Á hora do recreo xa estabamos de volta no centro logo dunha interesante excursión na que non só compartimos unhas horas co alumnado do outro instituto, moitos dos cales o ano que vén serán compañeiros nosos, senón que tamén coñecemos o noso patrimonio histórico-cultural máis próximo.