Para ir animando o nadal aquí tedes un simpático vídeo sobre unha figura mítica que cómpre rescatar.
O apalpador vén do Courel apapalparnos as barriguiñas e deixar algún agasallo.Daquela, quen precisa de Papá Noel tendo este personaxe tan divertido?
xoves, 12 de decembro de 2013
Bases do concurso de postais de Nadal
LEMBRÁMOSVOS QUE MAÑÁ VENRES 13 DE DECEMBRO NO RECREO
FALLARASE O CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL
GRAZAS A TODAS E TODOS POLA VOSA PARTICIPACIÓN
luns, 9 de decembro de 2013
Roteiro do Mercurín
Grazas Antón por amosarnos as marabillas que se agochan na contorna do noso centro e por resumir neste video unha saída que sempre lembraremos!!!
venres, 22 de novembro de 2013
Preparando a visita de Pepe Carreiro...
Dentro de xusto unha semana o debuxante Pepe Carreiro visitará o noso centro para compartir co alumnado un anaco do seu tempo. Falará do seu libro Historia da Lingua Galega. Nel fai un percorrido sobre o uso do galego en Galiza dende a prehistoria até a actualidade. Coma sempre, cheo de humor.
Os rapaces e rapazas de 3º da ESO e 2º de PCPI aproveitarán a ocasión para facerlle unha chea de preguntas sobre o proceso creativo non só desta obra, senón de todos os proxectos que está a desenvolver na actualidade o autor dos Barbanzóns, os Bolechas...
Se queredes saber máis sobre a vida e produción deste magnífico debuxante galego, premede co rato sobre a súa fotografía.
Durante a próxima semana, nos corredores do centro exporanse varias das páxinas da súa Historia da Lingua Galega. Se queredes, tamén podedes botarlle un ollo ao libro aquí mesmo.
luns, 4 de novembro de 2013
Novo número da revista OIlos de Aula
Novembro vai dando os primeiros pasos cun novo número da revista "Ollos de aula" baixo o brazo, o Nº 10, que aborda a temática do acoso escolar, a necesaria coeducación no seo das familias e unha palabra máis nesta sopa terminolóxica que é o sistema educativo: o Proxecto Interdisciplinar. Por suposto, non esquece as atractivas recomendacións de ocio cultural da sección "Cadencias", os anuncios móbiles e unha reflexión sobre o sentido normalizador das actividades culturais nos centros escolares.
venres, 1 de novembro de 2013
martes, 29 de outubro de 2013
Samaín
Coñecer as tradicións propias é o primeiro paso para valoralas.
Fronte ao famoso Halloween anglosaxón, queremos recuperar o SAMAÍN, unha tradición cuxa historia se remonta ao tempo dos "celtas".
Aquí vos deixamos unha pequena referencia sobre a orixe desta festa...
E para os que queirades saber máis sobre ela, recomendámosvos a lectura do interesante traballo de investigación de Rafael López Loureiro, quen se preocupou de recoller referencias e testemuñas do Samaín en Galicia durante máis de trece anos!
Libro Samaín.pdf
Castañas do teu magosto...
O próximo mércores 30 no recreo celebraremos o tradicional magosto. Pero, de onde provén esta tradición? Aquí tedes a información que precisades para respostar esta pregunta...
martes, 22 de outubro de 2013
É tempo de cogomelos...
Un dos grandes praceres do outono é ir apañar cogomelos ao monte e logo degustalos. A micoloxía está de moda rapaces! Pero primeiro hai que saber identificar os cogomelos comestibles e desbotar os velenosos. Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega imos botarvos unha man... Como todos os anos organizamos unha xornada micolóxica á que está convidada toda a comunidade educativa. Aquí tedes o cartel informativo e xa sabedes que logo os exemplares que recollemos nos arredores do instituto son expostos no edificio 2 para marabilla do público.
domingo, 20 de outubro de 2013
Comentarios do alumnado sobre a saída ao teatro
Polo que podemos ver nas fotos, os rapaces de 1º da ESO pasárono en grande na saída ao teatro do pasado 11 de outubro. Logo foron á Cidade da Cultura e aproveitaron as raiolas de sol para facerse algunhas fotiños. No interior escoitaron atentos as explicacións do guía da exposición Orinoco, aínda que algún estaba desexando botar unha soneca nas cómodas hamacas que lles amosaron!
Aquí tedes as fotos e algúns dos comentarios do alumnado participante nesta actividade.
Aquí tedes as fotos e algúns dos comentarios do alumnado participante nesta actividade.
O venres 11 de outubro fomos ver unha obra de
Roberto Vidal Bolaño –a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2013- ao
Salón Teatro de Santiago de Compostela. Titulábase Touporroutou da Lúe e do
Sol. Trataba sobre un home e unha muller moi pobres, dous titiriteiros, que
ían de vila en vila contando historias.
A muller, Catarina, era cega e sempre lle
pegaba ao home, Ramiro. Este era desconfiado e gustáballe ser o centro de
atención e tiña unha ferida na perna que facía que estivese coxo.
Gustoume moito a obra, porque era moi
divertida e e entretida .
(Aroa Regojo Fernández, 1º ESO A)
A obra
trata de como se formou a Terra e como a aLúa e o Sol comezaron a determinar a
existencia dos días e das noites,
respectivamente.
Unha vez a Lúa e o Sol estaban facendo o de
sempre e a Lúa fartouse de que sempre fose
o mesmo. Xogaban así e decidiron
facerse rabear entre eles. Entre un insulto e outro enfadáronse e comezaron a
chorar e chorar. No inferno chovía tanto que o Rei dos demos mandoulle a
Belcebú que lles fose dicir que parasen de chorar. Belcebú fíxoo, pero eles
dixeron que non era a súa culpa, senón do seu peor inimigo…Deus! Choveu durante
corenta días e corenta noites sen parar. O inferno inundouse e o Rei dos demos
e Belcebú foron á Terra. O demo díxolle a unha serpe que se lle daba da súa
pel, o demo daríalle veleno para cando picase a xente, pois así, ademais de
dor, causaríalle dano no sangue.
Ao final da obra, Ramiro contoulle á cega
Catarina que non lle meteran nada na pucha e enfadouse por iso.
(Manuel Antonio Villaverde Rey, 1º ESO A)
Tras o teatro, fomos visitar a Cidade da
Cultura. Impresionoume moito porque é moi rara; é unha gran obra arquitectónica
realizada por Peter Eisenman, arquitecto de prestixio de EEUU.
Aínda hai edificios en construción, porque é
un proxecto moi caro e non se pode facer fronte a estes gastos tan inmensos na
situación en que está o país.
Despois entramos nun dos grandes edificios
para ver a exposición Orinoco. Estivo
bastante ben. Nas paredes estaban
prendidas fotos onde nos indicaban a forma de amañarse e tamén había
pequenos expositores con xoias, xoguetes, máscaras…da tribo desta área
venezolana. Cada cousa tiña un porqué. Por exemplo, había unha máscara do home
do saco para asustar aos nenos cando se portaban mal, uns colares feitos con
ósos e cantos máis tivesen, máis prestixiosa era a familia. Esta tribo ten unha
esperanza de vida duns 35 anos, polo que penso que aí todo se ten que vivir moi
intensamente.
(Sonia Rial
Rodríguez, 1º ESO B)
xoves, 10 de outubro de 2013
Imos ao teatro
O próximo venres 11 de outubro, o alumnado de 1º da ESO acudirá a unha representación teatral no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Verán a obra Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño, representada polo Centro Dramático Galego en coprodución con Teatro do Noroeste.
Esta obra está considerada como un dos textos de maior calidade escénica
de todos os que Roberto Vidal Bolaño ideou pensando especialmente no
público infantil. Os protagonistas son catro titiriteiros que, axudados
dos máis diversos elementos, contan historias sobre a orixe da lúa e do
sol, dos días e das noites, do diluvio universal e sobre como acertar
cos tesouros e tratar os mouros, as fadas e, sobre todo, as serpes e os
xigantes que os gardan.
En galego...de cine!
O xoves 17 de outubro proxectarase no centro o filme documental Shoots from Abyssinia, do realizador Ovidio Fernández. Ao longo de 101 minutos o director mostra ao mundo a historia, a
paisaxe e a cultura da lendaria Abisinia a través dos ollos dun
adolescente, Abdul, un dos seus dous fillos adoptados, quen leva tres anos vivindo en Compostela.
No reencontro de Abdul coa terra que o víu nacer, o rapaz usa como guía o libro Historia de Etiopía, escrito en portugués polo xesuíta español Pedro Paez hai catrocentos anos. Nun perfecto galego con sotaque africano, Abdul cóntanos como, seguindo os seus pasos, remontou o Nilo Azul ate as súas fontes e descubriu un país afastado da esteoreotipada imaxe de seca e fame.
Abdul atopa moitas semellanzas entre a súa terra de nacemento e a de adopción. Por exemplo, hai unha zona alta de montaña preto de Lalibela onde parece que estás vendo castros, e a hospitalidade da xente do campo é igual que a hospitalidade galega.
Esta actividade do EDLG vai dirixida ao alumnado de 4º da ESO, mais para todos aqueles que queirades saber algo máis do filme e dos seus protagonistas, aquí vos deixamos o traile.
Trailer "Shoots from Abyssinia" from Ovidio Fernández on Vimeo.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)