sábado, 24 de maio de 2014

Exposición sobre a Arquitectura Galega

Continuando cos actos culturais relacionados coas letras galegas que estamos a celebrar neste mes de maio, esta semana inaugurouse no centro unha pequena e sinxela exposición sobre arquitectura galega elaborada pola profesora de Ciencias Sociais Loli del Río en colaboración coa coordinadora do EDLG.
A exposición atópase no primeiro andar do edificio 1 e pretende facer un repaso sobre algunhas das construcións máis sobranceiras da nosa cultura. Os paneis clasifícanse en seis seccións: As Catedrais, Os Mosteiros, A Arquitectura da Morte, Edificios Senlleiros, Arquitectura Popular e "Feísmo". Constan de varias fotografías e pequenos textos informativos ao respecto.



Ademais da exposición física, fíxose unha versión dixital para que todo o mundo a poida visitar virtualmente a través deste blog. Aquí a tedes!


Intercambio Lingüístico Fase II: visitamos Carril

O luns 19 de maio o alumnado de 3º da ESO fomos de excursión a Vilagarcía dentro do programa de intercambio lingüístico que estamos a facer co IES de Carril. Ás 10:00 da mañá apañamos o tren na estación de Fosado, Ordes. Para moitos de nós era a primeira vez que viaxabamos en tren. Logo dunha hora escasa de percorrido chegamos á estación de Vilagarcía, onde nos agardaban as rapazas e rapaces do IES Miguel Angel González Estévez, xunto cos seus profesores Tareixa e Ramón.

Nesta ocasión os anfitrións foron outr@s alumn@s de 3º da ESO, de xeito que ao comezo da xornada só coñeciamos a tres deles que xa viñeran a Ordes cando fixemos a ruta do Mercurín. Eran Catarino, Rubén e Galbán.
Logo das pertinentes presentacións, percorremos a vila da man da  vicedirectora do centro, que nos explicou os lugares de maior interese.


A chuvia respectounos e, despois de visitar o seu instituto e que nos desen un agasalliño na biblioteca, collimos o autobús para irmos comer á praia. Algúns de nós mesmo nos bañamos aínda que a auga estabache ben fría...


Despois do xantar, percorremos parte do parque natural de Carreirón e logo subimos ao faro das Lúas, dende onde a vista era impresionante.








De volta a Vilagarcía, un xeado cos nosos novos amigos e as pertinentes fotos de despedida...





Fixemos moitísimas ao longo do día. Podedes velas na seguinte presentación.



Celebración das Letras Galegas


O pasado venres16 de maio, véspera das Letras Galegas, celebramos no centro unha xornada lúdica de xogos populares.
A iniciativa desta actividade foi do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, pero a organización e responsabilidade da mesma correspondeulle ao  alumnado de 1º de Bacharelato do centro, coordinados por Horacio Souto Pol, o profesor de Educación Física. Eles foron quen seleccionaron e deseñaron os xogos  e se responsabilizaron da súa xestión.
Durante as tres sesións que durou a actividade, todo o alumnado, profesorado e PAS do centro puido botar pulsos, facer carreiras de carretillas, practicar o tiro ao arco, afinar puntería cos birlos...














Ademais, a esta actividade acudiron os nosos "futuros alumn@s", xa que viñeron convidados os rapaces e rapazas de 6º de primaria do colexio Castelao. Participaron moi activamente en todos os xogos e mesmo botaron unhas bailas... E é que tivemos pasarrúas de gaiteiros integrado por alumn@s de 1º e 2º de bacharelato, automoción e PCPI. Daba gusto velos e oilos tocar como podedes comprobar no seguinte video:





E, coma sempre, unha selección de fotos da celebración...

martes, 13 de maio de 2014

Dicionario audiovisual básico do galego na automoción

Estamos na semana das letras galegas e para celebralo, o profesorado e alumnado de Automoción do noso centro, a proposta do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, elaboraron un dicionario audiovisual no que amosan as principais ferramentas empregadas no mundo da automoción e a súa denominación en galego. 
Estamos acostumados a utilizar os termos casteláns para nomear as partes do coche e as ferramentas básicas usadas polos mecánicos nos talleres de reparación. Porén, tamén o galego ten as súas propias "letras" para referirse a elas, e os futuros profesionais da automoción formados no noso IES están dispostos a empregalas como podedes ver no seguinte vídeo. Agardamos que vos guste, e, sobre todo, que  vos sexa de utilidade.



venres, 9 de maio de 2014

Documental e charla sobre a figura de Díaz Castro

O pasado 5 de maio, todo o alumnado da ESO do noso centro puido ver en primicia o documental O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo, gran coñecedor da obra de Xosé María Díaz Castro e, coma el, veciño de Guitiriz.




O filme indaga nalgunha das constantes poéticas de Díaz Castro a través de entrevistas con persoas vinculadas a esta figura, tanto amigos como especialistas na súa obra. Ademais, afonda na xenealoxía emocional de Nimbos a través de dous elementos fundamentais: a lingua e a paisaxe da infancia. 

Logo da proxección do documental, duns 35 minutos de duración, nunha sesión máis íntima os rapaces e rapazas de 4º da ESO puideron reflexionar co seu autor sobre a vida e a obra de Díaz Castro así como facerlle un lote de preguntas acerca do proceso de creación do documental.


Teatro para reflexionar sobre o "problema do idioma"

Nesta semana que vén de rematar tivemos unha nova saída ao teatro. Nesta ocasión o alumnado de 2º e 3º da ESO xunto co de PCPI asistiron á representación da obra Bicos con Lingua, da compañía Talía Teatro. 

 O seu director, Avelino González, explica que a intención de Talía Teatro é provocar unha reflexión no espectador sobre as actitudes que mantén coa lingua e por iso as situacións que aborda a montaxe van desde pedir traballo a ligar, circunstancias tomadas da vida e que «pretenden darlle unha volta ás situacións para espertar a reflexión na conciencia dos espectadores, sen que por iso teñan que deixar de divertirse coa obra».