domingo, 28 de decembro de 2014

O meu libro é.... Fantasmas de luz

Fantasmas de Luz

O meu libor é... Made in Galiza

Made in Galiza Impresión

Entrega de Premios

Gañadores Ginkana 
Alumnado de 2º Bacharelato C




Gañadores Tiro de Corda
Alumnado de 2º Bacharelato A



Premiad@s VII Concurso de Postais de Nadal

Premiad@s Concurso Relatos de Terror




Fotos Campionato Tiro de Corda

Campionato de tiro de corda

O pasado 19 de decembro, para celebrarmos o fin da primeira avaliación e o comezo das vacacións de nadal, realizáronse no centro diversas actividades que contaron coa masiva participación do alumnado.
Entre elas, cómpre salientar o que xa vén sendo unha tradición: o campionato de tiro de corda no que participan todos os grupos dos distintos niveis educativos do centro.

O grupo gañador ten a honra de exhibir na súa aula a copa que conmemora o seu triunfo até a próxima edición. Este ano o gañador foi o grupo de 2º de Bacharelato A logo dunha desputada final na que se enfrontaron a 2º de Bacharelato C. 




Relatos de medo en galego...

Xa podedes ler os dous relatos de medo gañadores do concurso de "Relatos de Terror" na categoría en galego convocado co gallo do Samaín polo Equipo da Biblioteca do noso centro.


Postais Gañadoras do VII Concurso de Postais de Nadal

O xoves 11 de decembro, o xurado reuniuse para votar as postais gañadoras do VII Concurso de postais de nadal convocado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Cómpre salientar que este ano a participación foi moi numerosa, sobre todo no que atinxe ao alumnado da ESO. Daquela, o xurado determinou conceder un único premio na categoría de Bacharelatos e Ciclos e tres premios na da ESO.

O alumnado que resultou gañador foi:

Premio único de Bacharelato:

Tania Mosquera Castro (2º Bach.D).

Primeiro premio da ESO:

Nerea Calvo Quintáns (1º ESO A)

Segundo premio da ESO:

Juan Luís Boado Fernández (3º ESO B)

Terceiro premio da ESO:

Rubén Carrillo Méndez (1º ESO A)






martes, 18 de novembro de 2014

Estrea do filme A Esmorga



"A esmorga" filme do director galego Ignacio Vilar, e interpretado por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio "Durán" Morris poderá verse nos cines de todas as cidades e vilas de Galicia a partir do 21 de novembro. 
Neste filme, baseado na novela homónima de Eduardo Blanco Amor asistimos a crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras de si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal como se adrede camiñaran á súa perdición. 
Esta é a quinta longametraxe de Ignacio Vilar, presentada por Vía Láctea Filmes e a Editorial Galaxia. Faise realidade con esta longametraxe rodada en Ourense, o desexo que o propio Blanco Amor manifestara despois de ter visto a adaptación da súa obra por Gonzalo Suárez “La Parranda”de poder ver na pantalla grande personaxes galegas, falando a nosa lingua, sentindo a terra e ver a nosa paisaxe tal e como el o escribira. 
Poderá verse nos cines de todas as cidades e vilas de Galicia a partir do 21 de novembro.

martes, 11 de novembro de 2014

Máis fotos da saída micolóxica

O alumno de 2º da ESO A Pablo Stutt Castro, que participou na saída micolóxica do pasado 28 de outubro, pasounos as fotos que fixo durante a mesma. Podedes velas na seguinte presentación.



Grazas Pablo!!!

mércores, 5 de novembro de 2014

MAGOSTO

Xoves 30 de outubro: un recreo 10 minutos máis longo... castañas e chocolate para tod@s




MÁIS IMAXES DO MAGOSTO

O galego, por debaixo do 50%

 Por primeira vez na historia, o galego xa non é o idioma habitual da maioría da poboación de Galiza. Como chegamos aquí e, sobre todo, que facer para saírmos de aquí?

Por primeira vez na historia de Galiza desde o século IX, o galego xa non é o idioma habitual da maioría dos seus habitantes. Menos do 50% dos e das galegas ten o galego como lingua cotiá, segundo os dados debullados polo Instituto Galego de Estatística do censo de vivendas e poboación do INE. Non é un informe exhaustivo nin un macroestudio como os da Real Academía Galega cos seus mapas en 1994 ou 2004. Bótanse en falla desgloses por idades, información sobre comprensión lectora no idioma... mais todos coinciden que amosa unha tendencia (queda de falantes habituais en galego) sobre a que desde hai anos advirten colectivos e entidades que traballan a prol do idioma.

 
As persoas que falan sempre en galego caeron en 13 puntos entre 2011-2011, pasando do 57 % daquela ao 44% actual. Aumenta o grupo que afirma falar a lingua propia de Galiza "ás veces" (do 30 ao 45%) e os monolingües en español sitúanse no 11%, 2 pontos menos que hai unha década. A Xunta xa mostrou a súa satisfación por estes dados e aproveitou para recuperar as loas ao 'bilingüismo harmónico' fraguiano. Desde o heteroxéneo e amplo abano de defensores do galego a interpretación é ben outra: o idioma váisenos aos poucos das mans e das bocas. Mais cómpre non caer en derrotismos e traballar, porque a situación é reversíbel.

"Sendo realistas, a situación é grave", di Nel Vidal, presidente da Coordenadora de Traballadores/as pola Normalización Lingüística (CTNL), que incide sobre todo na situación do idioma na mocidade: "O futuro está na xente de 10, 20 anos e aí a presenza do galego é moi, moi baixa" manifesta a Sermos Galiza. Para Sechu Sende, profesor e escritor que ten tratado nas súas obras (Made in Galiza, por exemplo) a situación social da lingua; os dados "non son unha novidade, é o resultado esperábel dunha traxectoria".

A tamén escritora e profesora Mercedes Queixas pide tomar "con cautela" uns dados que non proveñen dun estudo ou análise exhaustiva. Mais considera que sin un "baño de realidade que dan e tiran a razón aos que queren evitar a substitución lingüística do galego e aos que non valoran a realidade".

Prudencia é o que pide tamén Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega (RAG), mais que a valoración que fai a Sermos Galiza é "a título persoal". Monteagudo considera que "é prematuro extraer conclusións" dos dados do IGE e considera que non se debe caer en "interpretacións catastrofistas. Eu sería cauteloso".

A reportaxe completa tela no Sermos Galiza nº119

martes, 4 de novembro de 2014

Xornada micolóxica

 

O pasado martes 28 de outubro celebramos a tradicional xornada micolóxica no noso instituto. 






A primeira hora, o alumnado de 1º e 2º da ESO asistíu no salón de actos a unha charla informativa sobre os cogomelos (características, variedades, técnicas de recolección...) impartida polo experto da asociación micolóxica "Refungando" Jesús Parada. 





 

Deseguido, organizados en dous grupos, as rapazas e rapaces de 2º da ESO fornecidos cos seus cestos de vimbio e algunhas navallas, percorreron os montes da contorna do centro na procura dos desexados cogomelos, aínda que a falla de auga nos días anteriores fixo que os exemplares non fosen moi numerosos. 



                        



 
Aínda así, puidemos facer a consabida exposición do apañado na entrada do edificio 2 onde o equipo da bilbioteca colocou un orixinal expositor cunha selección de guías micolóxicas.


 



Aquí tedes todas as fotos desta actividade

xoves, 16 de outubro de 2014

A Tempestade de William Shakespeare

Hoxe xoves 16 de outubro, as alumnas e alumnos de 3º da ESO van a Santiago ver a representación teatral que da obra A Tempestade de William Shakespeare fai a compañía Voadora. Asiste todo o alumnado dese nivel e acompáñanos as profes de lingua galega, ciencias sociais e relixión. 
Previamente ao teatro, visitarán a exposición Tradición e Innovación da fundación Abanca, onde poderán admirar cadros de Picasso, Miró, Dalí... e outros moitos pintores contemporáneos.


Obradoiro de Teatro Cómico

xoves, 25 de setembro de 2014

O panorama musical galego na Galiza

Para comezar ben o curso propoñémosvos un pouco de música...
Acabamos de inaugurar a exposición "O panorama musical galego na Galiza", que podedes visitar no relanzo do primeiro andar do edificio 1.
En nove carteis seleccionamos algúns dos grupos actuais galegos, clasificados por estilos musicais. rock, funk, pop, ska... De seguro que hai algún axeitado aos vosos gustos persoais.



Benvid@s ao novo curso escolar

Dende o Equipo de Dinaminación da Lingua Galega do noso instituto queremos darvos a benvida tanto ao alumnado de nova incorporación ao centro como a aqueles que xa nos coñecemos. 
Desexamos que este curso escolar que vimos de escomenzar sexa proveitoso para todas e todos e estea cheo de actividades dinamizadoras e normalizadoras da nosa lingua!

martes, 10 de xuño de 2014

Premio III Certame de Poesía Carme Villaverde

O pasado 29 de maio entregouse o premio do III Certame de Poesía Carme Villaverde. 
O xurado decidíu outorgar dito galardón a Rosa Elena Veiga Otero.

Diploma Premio Poesía by normalizacioniesn1or

As tres poesías presentadas pola autora ao certame foron: O Mago

O mago by normalizacioniesn1or

Indubidablemente Do sentimento

Do Sentimento by normalizacioniesn1or

mércores, 4 de xuño de 2014

Libro Colaborativo

Por fin podedes consultar na biblioteca o libro colaborativo elaborado polo alumnado da ESO do noso instituto! Moitas grazas a todas e todos os participantes.
Como sabedes, o libro iniciou a súa andaina no mes de febreiro co gallo da celebración do día de Rosalía e rematouna o 16 de maio, véspera da festa das nosas letras. Durante eses meses, os rapaces e rapazas da ESO seleccionaron poemas de autores e autoras galegos que lles gustaban para logo facer un comentario dos mesmos ou ben unha recreación plástica ou literaria. A algúns, a poesía escollida inspiroulles un debuxo ou caligrama; para outros, a creación dun relato propio. As diferentes achegas do alumnado participante recóllense no libro que podedes consultar ao final desta entrada. Tamén existe unha versión impresa na Biblioteca 1 do IES e nesta semana realizaremos unha exposición no corredor principal do edificio 1 para que toda a comunidade educativa poida acceder aos vosos traballos.

Libro Colaborativo by normalizacioniesn1or

domingo, 1 de xuño de 2014

Exposición de Carlos Maside na fundación Novacaixagalicia de Santiago de Compostela

Ángela Iglesias Sánchez (3º ESO A), participante na actividade, danos a súa opinión sobre a mesma.
Todos os debuxos do obradoiro de viñetas realizado polo noso alumnado nesta saída educativa están expostos no edificio 2 do centro.

Opinamos sobre... o intercambio lingüístico Ordes-Carril

Opinión de Ángela Iglesias, alumna de 3º da ESO, sobre a actividade de intercambio lingüístico

INTERCAMBIO 2014

Opinións do alumnado sobre a saída ao teatro e a visita á exposición Carlos Maside

Opinións Sobre o Teatro e Maside

Opinamos sobre... a obra de teatro Bicos con Lingua


Valentín Álvarez López

sábado, 24 de maio de 2014

Exposición sobre a Arquitectura Galega

Continuando cos actos culturais relacionados coas letras galegas que estamos a celebrar neste mes de maio, esta semana inaugurouse no centro unha pequena e sinxela exposición sobre arquitectura galega elaborada pola profesora de Ciencias Sociais Loli del Río en colaboración coa coordinadora do EDLG.
A exposición atópase no primeiro andar do edificio 1 e pretende facer un repaso sobre algunhas das construcións máis sobranceiras da nosa cultura. Os paneis clasifícanse en seis seccións: As Catedrais, Os Mosteiros, A Arquitectura da Morte, Edificios Senlleiros, Arquitectura Popular e "Feísmo". Constan de varias fotografías e pequenos textos informativos ao respecto.



Ademais da exposición física, fíxose unha versión dixital para que todo o mundo a poida visitar virtualmente a través deste blog. Aquí a tedes!


Intercambio Lingüístico Fase II: visitamos Carril

O luns 19 de maio o alumnado de 3º da ESO fomos de excursión a Vilagarcía dentro do programa de intercambio lingüístico que estamos a facer co IES de Carril. Ás 10:00 da mañá apañamos o tren na estación de Fosado, Ordes. Para moitos de nós era a primeira vez que viaxabamos en tren. Logo dunha hora escasa de percorrido chegamos á estación de Vilagarcía, onde nos agardaban as rapazas e rapaces do IES Miguel Angel González Estévez, xunto cos seus profesores Tareixa e Ramón.

Nesta ocasión os anfitrións foron outr@s alumn@s de 3º da ESO, de xeito que ao comezo da xornada só coñeciamos a tres deles que xa viñeran a Ordes cando fixemos a ruta do Mercurín. Eran Catarino, Rubén e Galbán.
Logo das pertinentes presentacións, percorremos a vila da man da  vicedirectora do centro, que nos explicou os lugares de maior interese.


A chuvia respectounos e, despois de visitar o seu instituto e que nos desen un agasalliño na biblioteca, collimos o autobús para irmos comer á praia. Algúns de nós mesmo nos bañamos aínda que a auga estabache ben fría...


Despois do xantar, percorremos parte do parque natural de Carreirón e logo subimos ao faro das Lúas, dende onde a vista era impresionante.








De volta a Vilagarcía, un xeado cos nosos novos amigos e as pertinentes fotos de despedida...





Fixemos moitísimas ao longo do día. Podedes velas na seguinte presentación.



Celebración das Letras Galegas


O pasado venres16 de maio, véspera das Letras Galegas, celebramos no centro unha xornada lúdica de xogos populares.
A iniciativa desta actividade foi do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, pero a organización e responsabilidade da mesma correspondeulle ao  alumnado de 1º de Bacharelato do centro, coordinados por Horacio Souto Pol, o profesor de Educación Física. Eles foron quen seleccionaron e deseñaron os xogos  e se responsabilizaron da súa xestión.
Durante as tres sesións que durou a actividade, todo o alumnado, profesorado e PAS do centro puido botar pulsos, facer carreiras de carretillas, practicar o tiro ao arco, afinar puntería cos birlos...














Ademais, a esta actividade acudiron os nosos "futuros alumn@s", xa que viñeron convidados os rapaces e rapazas de 6º de primaria do colexio Castelao. Participaron moi activamente en todos os xogos e mesmo botaron unhas bailas... E é que tivemos pasarrúas de gaiteiros integrado por alumn@s de 1º e 2º de bacharelato, automoción e PCPI. Daba gusto velos e oilos tocar como podedes comprobar no seguinte video:





E, coma sempre, unha selección de fotos da celebración...

martes, 13 de maio de 2014

Dicionario audiovisual básico do galego na automoción

Estamos na semana das letras galegas e para celebralo, o profesorado e alumnado de Automoción do noso centro, a proposta do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, elaboraron un dicionario audiovisual no que amosan as principais ferramentas empregadas no mundo da automoción e a súa denominación en galego. 
Estamos acostumados a utilizar os termos casteláns para nomear as partes do coche e as ferramentas básicas usadas polos mecánicos nos talleres de reparación. Porén, tamén o galego ten as súas propias "letras" para referirse a elas, e os futuros profesionais da automoción formados no noso IES están dispostos a empregalas como podedes ver no seguinte vídeo. Agardamos que vos guste, e, sobre todo, que  vos sexa de utilidade.



venres, 9 de maio de 2014

Documental e charla sobre a figura de Díaz Castro

O pasado 5 de maio, todo o alumnado da ESO do noso centro puido ver en primicia o documental O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo, gran coñecedor da obra de Xosé María Díaz Castro e, coma el, veciño de Guitiriz.




O filme indaga nalgunha das constantes poéticas de Díaz Castro a través de entrevistas con persoas vinculadas a esta figura, tanto amigos como especialistas na súa obra. Ademais, afonda na xenealoxía emocional de Nimbos a través de dous elementos fundamentais: a lingua e a paisaxe da infancia. 

Logo da proxección do documental, duns 35 minutos de duración, nunha sesión máis íntima os rapaces e rapazas de 4º da ESO puideron reflexionar co seu autor sobre a vida e a obra de Díaz Castro así como facerlle un lote de preguntas acerca do proceso de creación do documental.