martes, 25 de marzo de 2014

Charla do proxecto ANoCa

O pasado mércores 12 de marzo recibimos a visita de dous reclusos do cárcere de Teixeiro para falarnos da súa vida no cárcere. Forman parte do proxecto ANoCa (Aprender No Cárcere), un programa moi interesante xa que permite aos encarcerados ir á escola ao tempo que dan charlas en institutos a adolescentes para que escollamos o bo camiño).
Os profesores puxéronnos un video sobre a escola no cárcere. Falaban varios reclusos e todos coincidían en que acabaron presos polas malas compañías e as drogas.
Logo falaron os dous presos. Un era galego e fora transladado ao cárcere de A Coruña porque estaba en terceiro grao (durmía no cárcere pero o resto do día estaba fóra). Foi o que máis falou. Contounos que tiña que cumprir condea por un homicidio. Foi bastante impactante. O outro era canario e falou menos. Tamén estaba no cárecer por drogas e roubo nunha casa habitada.
Contáronnos con todo detalle como era a vida na cela (5 metros cadrados sen intimidade), as pelexas entre convictos (sobre todo os xoves, o día no que cobran os cartos que as familias lle dan), o día a día na escola... No cárcere o tempo pasa moi lento... 
Sorprendeunos o acceso que os presos teñen no cárcere á droga. De feito, un deles fíxose adicto á heroína na prisón!!!
Pero sobre todo transmitíronnos a mensaxe de que a vida trúncase rapidamente por erros que cometemos e logo é moi difícil endereitala.
A todos nos gustou moito e fíxosenos curta, a pesar de que durou case dúas horas. Era tan interesante que os profesores que nos acompañaron nin sequera tiveron que mandarnos calar!

(síntese dos resumos persoais que fixeron os alumnos e alumnas de 4º da ESO que asistiron á charla).



Comentarios do alumnado de 4º da ESO logo da charla

"A min persoalmente gustoume moito, sobre todo porque coñecín experiencias de persoas que non escolleron ben o seu camiño e que influirán á hora de escoller o meu". Paula Ríos Couto.

"Para min esta charla foi unha maneira de ver a vida doutra forma, xa que non é todo como o pintan. Non todo é vivir como un quere. A primeira saída non son as drogas. Quizais o que máis me quedou na mente foi cando no vídeo, un rapaz dixo: "cando dis que controlas, en realidade non controlas"". Yasmin Rodríguez Fraga.

 "A min gustoume moito a charla xa que me parece unha gran oportunidade para os que están nas drogas de que recapaciten sobre o que fan, e os que non consomen, pensen antes de adentrarse nese mundo onde poden  acabar". Hamman Boutafant.

 "Gustoume moito a charla. De feito foi a mellor á que fun até agora. Penso que é importante que nos falen destas cousas xa que a min polo menos fíxome pensar e ver que todo o mundo se merece unha segunda oportunidade na vida". Laura Suárez Bello.

"Gustoume moito. Se tivera que escoller a mellor charla que me deron na miña vida sería esta, xa que o que nos contou o preso, penso que quedou grabado na mente de todos nós". Anxo García Gómez.

"Creo que foi a mellor charla que houbo no instituto até o momento sen dúbida. Só con dicir que os profesrores non tiveron que pedir silencio en ningún momento da actividade, resume bastante o interese que abía no salón de actos. Aínda agora, unha semana despois, seguimos falando sobre a charla e arrepentíndonos de non preguntar máis cousas". Manuel Vidal Amor.

"Lembro sobre todo unha frase que dixo un dos presos e que encerra moita verdade: "cominme o mundo 400.000 veces pero na 400.000 o mund comeume a min". Aira Viqueira Pose.

   

mércores, 5 de marzo de 2014

Concurso sobremesas de Antroido

O pasado venres 28 de febreiro tivo lugar o tradicional concurso de sobremesas de antroido. Este ano tivemos 12 participantes e o xurado tardou máis dunha hora en catar e puntuar todas as propostas. Valorouse a redacción da receita que debía acompañar a cada sobremesa, o sabor, a dificultade de elaboración e a presentación.



As sobremesas gañadoras foron as seguintes: 

1ºPremio: Selva Negra. Elaborada por Laura Rodríguez Muíño e Lucía Romero Grela (3º ESO)





2ºPremio: Torta de Pionono e Doce de Leite, elaborada por Maite Polanco Ybarra (1ºESO A)

3ºPremio: Torta de Piña e Crema de Queixo, elaborada por Rogelio Prado Becerra (3ºESO)


Aquí tedes as fotos de todas as sobremesas presentadas ao concurso:
E aquí as imaxes da degustación do xurado e do alumnado durante o recreo: