xoves, 24 de marzo de 2016

Proxección do documental Fíos Fóra

O pasado xoves 17 de marzo Adriana e Sabela, realizadoras do documental "Fíos Fóra, historias de obreiras, entre costuras e patróns" viñeron presentar a súa obra ao alumnado de 1º de bacharelato do noso centro. 

Illa Bufarda foi a produtora creativa encargada de levar a cabo esta longametraxe documental diversa en voces e protagonistas, onde participaron extraballadoras do téxtil en Galicia, personaxes vencellados ao sector empresarial e aos talleres e traballadoras do téxtil en Marrocos, entre outras moitas. A realización deste traballo foi unha encarga da ONG AMARANTE Setem e a Campaña Roupa Limpa. Dende as conversas de moitas persoas protagonistas narra o que foi o sector do téxtil galego dende o seu nacemento ata a súa deslocalización e o impacto deste modelo industrial. O documental incide na idea de que as mulleres galegas que traballaron no sector téxtil dende os 60 foron a man de obra perfecta e cautiva para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada, repetíndose a súa historia nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema capitalista.
Logo da proxección, Sabela e Adriana contaron ao alumnado asistente o proceso de realización do documental e os problemas con que se atoparon tanto para contar con testemuñas que falasen da súa experiencia no sector como  na actual fase de proxección, xa que algúns concellos están a boicotear a súa difusión. Tamén presentaron a plataforma que a ONG AMARANTE está a crear para dar a coñecer as iniciativas do téxtil galego responsables coas condicións laborais das traballadoras.








sábado, 12 de marzo de 2016

Exposición Pioneiros da fotografía galega

Xa se pode visitar no noso centro a exposición sobre os pioneiros galegos da fotografía. Dita exposición foi elaborada conxuntamente polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos IES Nº1 de Ordes e do IES San Clemente de Santiago de Compostela. Nela faise un breve repaso pola vida e obra dos primeiros fotógrafos galegos, pioneiros dunha arte que nos últimos tempos estase volvendo pór en valor.

Aquí tedes unha selección dos paneis da exposición.

Opinión sobre o libro O inferno de Marta

Convcocatoria V Premio de Poesía Carme Villaverde