martes, 29 de outubro de 2013

Samaín

Coñecer as tradicións propias é o primeiro paso para valoralas. Fronte ao famoso Halloween anglosaxón, queremos recuperar o SAMAÍN, unha tradición cuxa historia se remonta ao tempo dos "celtas".

Aquí vos deixamos unha pequena referencia sobre a orixe desta festa...



E para os que queirades saber máis sobre ela, recomendámosvos a lectura do interesante traballo de investigación de Rafael López Loureiro, quen se preocupou de recoller referencias e testemuñas do Samaín en Galicia durante máis de trece anos!


Libro Samaín.pdf
 

Castañas do teu magosto...

O próximo mércores 30 no recreo celebraremos o tradicional magosto. Pero, de onde provén esta tradición? Aquí tedes a información que precisades para respostar esta pregunta...



Carteis Magosto.pdf

martes, 22 de outubro de 2013

É tempo de cogomelos...

Un dos grandes praceres do outono é ir apañar cogomelos ao monte e logo degustalos. A micoloxía está de moda rapaces! Pero primeiro hai que saber identificar os cogomelos comestibles e desbotar os velenosos. Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega imos botarvos unha man... Como todos os anos organizamos unha xornada micolóxica á que está convidada toda a comunidade educativa. Aquí tedes o cartel informativo e xa sabedes que logo os exemplares que recollemos nos arredores do instituto son expostos no edificio 2 para marabilla do público.



Mira aquí todas as fotos da saída do día 11 de outubro

domingo, 20 de outubro de 2013

Comentarios do alumnado sobre a saída ao teatro

Polo que podemos ver nas fotos, os rapaces de 1º da ESO pasárono en grande na saída ao teatro do pasado 11 de outubro. Logo foron á Cidade da Cultura e aproveitaron as raiolas de sol para facerse algunhas fotiños. No interior escoitaron atentos as explicacións do guía da exposición Orinoco, aínda que algún estaba desexando botar unha soneca nas cómodas hamacas que lles amosaron!
Aquí tedes as fotos e algúns dos comentarios do alumnado participante nesta actividade.




O venres 11 de outubro fomos ver unha obra de Roberto Vidal Bolaño –a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2013- ao Salón Teatro de Santiago de Compostela. Titulábase  Touporroutou da Lúe e do Sol. Trataba sobre un home e unha muller moi pobres, dous titiriteiros, que ían de vila en vila contando historias.
A muller, Catarina, era cega e sempre lle pegaba ao home, Ramiro. Este era desconfiado e gustáballe ser o centro de atención e tiña unha ferida na perna que facía que estivese coxo.
Gustoume moito a obra, porque era moi divertida e e entretida .
(Aroa Regojo Fernández, 1º ESO A)



A  obra trata de como se formou a Terra e como a aLúa e o Sol comezaron a determinar a existencia dos días e das  noites, respectivamente.

Unha vez a Lúa e o Sol estaban facendo o de sempre e a Lúa fartouse de que sempre fose  o mesmo. Xogaban  así e decidiron facerse rabear entre eles. Entre un insulto e outro enfadáronse e comezaron a chorar e chorar. No inferno chovía tanto que o Rei dos demos mandoulle a Belcebú que lles fose dicir que parasen de chorar. Belcebú fíxoo, pero eles dixeron que non era a súa culpa, senón do seu peor inimigo…Deus! Choveu durante corenta días e corenta noites sen parar. O inferno inundouse e o Rei dos demos e Belcebú foron á Terra. O demo díxolle a unha serpe que se lle daba da súa pel, o demo daríalle veleno para cando picase a xente, pois así, ademais de dor, causaríalle dano no sangue.

Ao final da obra, Ramiro contoulle á cega Catarina que non lle meteran nada na pucha e enfadouse por iso.
(Manuel Antonio Villaverde Rey, 1º ESO A)


Tras o teatro, fomos visitar a Cidade da Cultura. Impresionoume moito porque é moi rara; é unha gran obra arquitectónica realizada por Peter Eisenman, arquitecto de prestixio de EEUU.

Aínda hai edificios en construción, porque é un proxecto moi caro e non se pode facer fronte a estes gastos tan inmensos na situación en que está o país.

Despois entramos nun dos grandes edificios para ver a exposición Orinoco. Estivo bastante ben. Nas paredes estaban  prendidas fotos onde nos indicaban a forma de amañarse e tamén había pequenos expositores con xoias, xoguetes, máscaras…da tribo desta área venezolana. Cada cousa tiña un porqué. Por exemplo, había unha máscara do home do saco para asustar aos nenos cando se portaban mal, uns colares feitos con ósos e cantos máis tivesen, máis prestixiosa era a familia. Esta tribo ten unha esperanza de vida duns 35 anos, polo que penso que aí todo se ten que vivir moi intensamente.
(Sonia Rial Rodríguez, 1º ESO B)




xoves, 10 de outubro de 2013

Último número da revista Ollos de Aula

Imos ao teatro




O próximo venres 11 de outubro, o alumnado de 1º da ESO acudirá a unha representación teatral no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Verán a obra Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño, representada polo Centro Dramático Galego en coprodución con Teatro do Noroeste.
Esta obra está considerada como un dos textos de maior calidade escénica de todos os que Roberto Vidal Bolaño ideou pensando especialmente no público infantil. Os protagonistas son catro titiriteiros que, axudados dos máis diversos elementos, contan historias sobre a orixe da lúa e do sol, dos días e das noites, do diluvio universal e sobre como acertar cos tesouros e tratar os mouros, as fadas e, sobre todo, as serpes e os xigantes que os gardan.

O libro de Noelia Rivadas López (2ºBacharelato A)

O MEU LIBRO É DEUS XOGANDO AOS DADOS by Raquel Iglesias

O libro de Daniel Blanco Calviño (2º Bacharelato C)

O SANGUE DOS CAMIÑOS by Raquel Iglesias

En galego...de cine!

O xoves 17 de outubro proxectarase no centro o filme documental Shoots from Abyssinia, do realizador Ovidio Fernández. Ao longo de 101 minutos o director mostra ao mundo a historia, a paisaxe e a cultura da lendaria Abisinia a través dos ollos dun adolescente, Abdul, un dos seus dous fillos adoptados, quen leva tres anos vivindo en Compostela.
 No reencontro de Abdul coa terra que o víu nacer, o rapaz usa como guía o libro Historia de Etiopía, escrito en portugués polo xesuíta español Pedro Paez hai catrocentos anos. Nun perfecto galego con sotaque africano, Abdul cóntanos como, seguindo os seus pasos, remontou o Nilo Azul ate as súas fontes e descubriu un país afastado da esteoreotipada imaxe de seca e fame. 
Abdul atopa moitas semellanzas entre a súa terra de nacemento e a de adopción. Por exemplo, hai unha zona alta de montaña preto de Lalibela onde parece que estás vendo castros, e a hospitalidade da xente do campo é igual que a hospitalidade galega.


Esta actividade do EDLG vai dirixida ao alumnado de 4º da ESO, mais para todos aqueles que queirades saber algo máis do filme e dos seus protagonistas, aquí vos deixamos o traile.



Trailer "Shoots from Abyssinia" from Ovidio Fernández on Vimeo.