martes, 18 de novembro de 2014

Estrea do filme A Esmorga



"A esmorga" filme do director galego Ignacio Vilar, e interpretado por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio "Durán" Morris poderá verse nos cines de todas as cidades e vilas de Galicia a partir do 21 de novembro. 
Neste filme, baseado na novela homónima de Eduardo Blanco Amor asistimos a crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras de si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal como se adrede camiñaran á súa perdición. 
Esta é a quinta longametraxe de Ignacio Vilar, presentada por Vía Láctea Filmes e a Editorial Galaxia. Faise realidade con esta longametraxe rodada en Ourense, o desexo que o propio Blanco Amor manifestara despois de ter visto a adaptación da súa obra por Gonzalo Suárez “La Parranda”de poder ver na pantalla grande personaxes galegas, falando a nosa lingua, sentindo a terra e ver a nosa paisaxe tal e como el o escribira. 
Poderá verse nos cines de todas as cidades e vilas de Galicia a partir do 21 de novembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario