luns, 18 de maio de 2015

Comentarios do alumnado co gallo da visita do escritor Francisco Castro



ENCONTRO CON FRANCISCO CASTRO

O día 16 de abril veu ao noso centro Francisco Castro, o autor da novela que tivemos que ler no 2º trimestre. Veu explicarnos aspectos sobre o seu libro e sobre a súa carreira en xeral. Contounos que el soñaba as historias que escribía e que podía pasar moitos meses escribindo un libro porque a inspiración lle viña en calquera momento. Díxonos que o libro veu da historia orixinal de Marco Polo, un comerciante que percorreu mundo e gañou moitas riquezas no camino. Pero ao chegar a Venecia ninguén o cría. AFrancisco isto resultoulle desagradable e decide escribir un libro no que Marco Pololle conta as súas aventuras a un rapaz novo que é capaz de vivilas só con escoitalo falar.
Francisco Castro era moi simpático, rímonos un cacho con el, sempre dicía que os escritores constantemente teñen unha parte do cerebro “conectada” á obra que están escribindo. A charla gustoume moito.
Daniel Villasenín Martínez, 3º ESOB

Encantoume esta visita, xa que falou de cousas serias, pero sempre cun toque de humor e chistes moi ben feitos.
Falounos das súas ideas, os proxectos que está levando a cabo e os que están por vir, como que cada cincuenta anos vai facer un libro de poemas.
Raúl Iglesias García, 3º ESO A
Gustoume moito a forma de ver o seu oficio, xa que o definía como unha arte, opinión que eu tamén comparto.
Falounos de que está a punto de saír unha nova obra súa, pero non nos dixo nada dela, para non desvelar o seu contido e así animarnos a lela.
Comentounos, por último, a súa opinión contra o pirateo no mundo da literatura e pensaba que se non se poñía solución podería influír tanto como no cine.
En conclusión, Francisco Castro pareceume un gran amante do que fai, e pensó que iso se reflicte nas súa obras.
Lucía Souto Vieites, 3º ESO B

Esta charla gustoume moito, porque nunca tivera unha coma esta. Francisco Castro pareceume un home moi agradable, divertido…
A min encántame escoitar a xente falar das súas anécdotas e el facíao ben. Contounos de onde lle xurdiu a idea do libro, de todo o que tivo que investigar para poder escribilo, a rabia que lle deu ao saber que a Marco Polo non lle cresen as súas aventuras...
É un escritor moi bo, só lin un libro del, pero non creo que sexa o último. Non me gusta moito ler, pero O segredo de Marco Polo encantoume.
Valeria Moreno Gallego, 3º ESO A


Outra obra da que nos falou foi Chamádeme Simbad, unha historia que se baseou nunha experiencia real e persoal del mesmo, pois a súa nai padeceu alzhéimer, ao igual que o avó de Paulo, o protagonista desta novela. Falounos sobre a súa obra favorita (das que el escribiu): A xeración perdida, que ten a súa orixe en feitos reais (tema da droga) que sucederon no mesmo barrio onde el vivía. Dounos, ademais, a súa opinión sobre a piratería e tivemos a oportunidade de que nos asinase un dos libros que máis me gustou: O segredo de Marco Polo.
Deséxolle  moita sorte coa novela que rematou o domingo anterior á charla e que sairá este verán.
                                        Juan Luis Boado Fernández, 3º ESO B



O  día 16 de abril de 2015, o escritor do libro Chamádeme Simbad, Francisco Castro, acudiu ao salón de actos do noso instituto para falarnos da súa obra.
Contounos que este era un  dos libros que máis lle gustaran. Falounos de que esta novela a escribiu antes de que a súa nai morrese de alzhéimer, a enfermidade que padecía o avó de Paulo, o protagonista  que o avó alcumaba como Simbad.
Tamén nos dixo que el escribía contos e obras para comunicarse coas persoas para sempre, pois se morre Francisco Castro, a xente que lea os seus libros, estarase comunicando con el; así é como nolo explicou.
Ademais, comentou que a través da súa obra en xeral denunciaba inxustizas. Díxonos que as axudas para loitar contra o alzhéimer eran pequenas e escasas, que o diñeiro que falta se ten usado, por exemplo, “para fichar a Cristiano Ronaldo”.
Despois respondeunos as nosas preguntas e dedicounos o noso libro. Xa levo dous libros asinados polos seus autores este ano!
Miguel Ángel Boado Fernández, 1º ESO B

Ningún comentario:

Publicar un comentario