sábado, 9 de abril de 2016

Charla O galego é uma oportunidade

No marco da semana cultural que se celebrou no noso instituto, o venres 8 de abril, José Ramom Pichel e Valentim Fagim, autores do libro “O galego é uma oportunidade”, realizaron un relatorio moi interesante para o alumnado de 3º da ESO sobre o uso internacional do galego. 
A charla estivo organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega en colaboración co departamento de galego, responsable da docencia da materia de portugués no bacharelato. 


Os conferenciantes falaron da vantaxe que posuimos as galegas e galegos, aínda sen sermos totalmente conscientes, por sabermos dúas linguas de proxección muldial: o galego, coñecido internacionalmente como portugués, e o castelán, coñecido internacionalmente como español. Este tesouro permítenos comunicar con máis de 250 e 400 millóns de persoas respectivamente. 
Desde esa premisa, salientaron o noso papel de ponte, ao ser Galiza o lugar onde o mundo lusófono e hispanófono se unen, onde naceu a lingua coñecida internacionalmente como portugués e onde, por causa da nosa emigración, existe unha profunda relación co mundo hispano-americano que se expressa em español.
Finalmente, trataron de facer reflexionar ao auditorio sobre o feito de que, nos próximos anos, por mor do carácter emerxente da economía brasileira, ser galeg@ e saber a nosa lingua, pode tornarse unha vantaxe competitiva e o noso territorio pode pasar a ser un lugar privilexiado do mundo. 

 
José Ramón Pichel Campos é enxeñeiro informático. Creou, xestiona e desenvolve a plataforma de tradución automática de código aberto Opentrad
www.opentrad.com. Realiza artigos sobre as relacións entre a sociedade e as tecnoloxías da información desde o ano 2000 para Bravu.net, Novas da Galiza e a revista electrónica Omnibus, entre outras.


Valentim Fagim é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e diplomado en Historia. En 1996 fundou a Libraría A Palavra Perduda en Santiago de Compostela e traballou na distribución de libros en portugués. Na actualidade é profesor de portugués na Escola de Idiomas de Santiago de Compostela.  É membro desde 2008 da AGLP, Academia Galega da Língua Portuguesa. Entre 2009 e 2012 foi presidente da Associaçom Galega de Língua, AGAL. No seo da AGAL ten sido responsábel creador e responsábel de varios proxectos e áreas de traballo. 
Ten publicado columnas e artigos en diferentes medios e revistas. Desde 2006 ten unha columna chamada Língua Nacional no periódico Novas da Galiza e desde 2012 escribe para a versión dixital do Sermos Galiza. Ademais ten publicados tres libros, O Galego (im)possível [2001], Do Ñ para o NH [2009] e O Galego é uma oportunidade/El gallego es una oportunidad [2012], en coautoría con José Ramón Pichel. O libro desenvolve polo miúdo os temas que os autores formularon na charla e está a vosa disposición na Biblioteca do instituto.




Ningún comentario:

Publicar un comentario